Outros enfoques

Rosa Veiga (1965) é unha fotoxornalista ourensá que teño a honra de haber traballado con ela durante un espazo longo de tempo. Por iso e pola súa profesionalidade, fóra de dúbidas, recupero estas imaxes de varias pontes de Ourense, o entroido de Viana do Bolo e a colleita de pataca na Limia, captadas na derradeira década do século pasado. Dito desa maneira semella que fai moito tempo, mais coido que non porque o río e pontes seguen no mesmo sitio, o mesmo que cada ano os entroidos e as patacas, como a cámara inqueda de Rosa alá e acolá collendo e rexistrando o día a día de Galicia. Nesa eiva teño por sorte una pequena parte, pois penso sen equivocarme que as fotografías da ourensá zumegan arte, ademáis de informar e entreter, cando non impactan como unha bala perdida que deseguida nos devolve a realidade tal como é. Perdón pola referencia cruenta, aínda que as imaxes son máis de serenidade, parranda e traballo.

Cecáis, pola dinámica vertixinosa que conleva o xornalismo diario, nunca tiven moito tempo para recordarlle a Rosa o seu talento enchoupado de arte nesas fotografías que moitas veces remiraba cando non había ninguén na redacción, porque penso que sei casar aspectos en teoría tan diferentes como o informativo e o creativo.





Marcos Valcárcel (1958) acompaña as fotografías desta mensaxe coa apertura do seu libro A Cidade da Xeración Nós. Marcos tamén coñece dabondo o xornalismo desde fai tres longas décadas, eido no que se move sen dificultade para expresar o seu amor a Galicia, o cal ten moito que ver coa medalla Castelao que recibiu días atrás, entre outros galardóns que o converten nun referente obrigado da recente historia sociocultural da nosa terra, donde Ourense ten un amplo protagonismo.
O comezo da súa escrita sobre as orixes da cidade de Ourense recolle as seguientes palabras:

Cidade de orixes romana, nacida nun val ben protexido por pequenos outeiros, arredor dunhas augas termais e nun importante cruce estratéxico de vías de comunicación e corrientes fluviais, Ourense será durante moitos séculos unha ciudade cun perfil ben definido como cidade agraria e vinícola, que non vai a sufrir grandes transformacións no seu tecido urbano ata mediados do século XIX. Neste longo período Ourense vai vendo sucederse un abano de influencias culturais, que van desde o mundo romano ata o barroco, sen esquecer as pegadas visigóticas, románticas e góticas, e marcando aqueles puntos de referencia do que é o Ourense antigo: as Burgas, a Ponte Vella, a Catedral, Santa María Madre, os Pazos e Curral do Bispo (hoxe Museo Arqueolóxico), o convento e claustro de San Francisco, igrexa da Trinidade, cárcere da Coroa, igrexa barroca de Santa Eufemia, etc., ademais de diversas casas señoriais e do trazado definitivo do Ourense vello, isto é, a cidade medieval.

Sobre este sustrato nace un novo Ourense no século XIX, que foi visto no seu momento como a porta de entrada na modernidade e que hoxe coñecemos como o Ourense modernista. Foi neste Ourense modernista, xunto co casco medieval, o que foi loubado moi gabanciosamente polo escritores da Xeración Nós e o que, con elementos orixinais ou sicréticos, remataría por debuxar a identidade definitiva desta cidade e a súa faciana máis fermosa.

Comentarios

Publicacións populares