O PENELO, O GAITEIRO DO TREN
O Penelo, o gaiteiro do tren
Recordo do músico que amenizaba o traxecto de ferrocarril
Monforte - Ponferrada coas súas tocatas "recargadas de bombo"
Xosé Pérez Mondelo
De todos os músicos populares garda o pobo unha doce memoria. Dos máis sublimes e dos máis humildes. Como non recordar O Penelo, a súa bonomía e a súa inocencia. Sobre das súas calidades humanas non houbo nunca discusión. Onde si houbo sempre división de pareceres era no tocante ás súas artes musicais. El mesmo, cando lle preguntaban quen tocaba mellor, se el ou os míticos Os Trintas de Trives, respondía: "sobre diso haiche opinións. Uns din que os Trintas tocan mellor ca min e outros que eu toco peor que os Trintas". Outras veces a comparación facíanlla cos Trabazos de Caldelas ou cos seus veciños Os Celtas de Paradeseca, pero el respostaba sempre coa mesma inocencia. O Penelo, de propio nome Manuel, era un gaiteiro moi querido polo pobo, Tocaba nun escenario ben inusual. Ao xeito dos actuais músicos urbanos, subía no tren que ía de Monforte a Ponferrada -segundo tivese as combinacións máis axeitadas- e poñíase a tocar, facéndolles máis levadeiro o traxecto aos viaxeiros e mesmo as esperas nun tempo en que podían ser eternas. Moitas veces acompañábao a súa muller e os seus fillos, Pepita e Xesús, que daban conta da caixa e do bombo. Pero O Penelo e a súa troupe familiar estaban en todo tipo de evento festivo, sendo tamén moi habitual velo polo tempo de Nadal pedindo licenza para cantar os reis de porta en porta. Eran a viva estampa que recolle esta cantiga popular:
O gaiteiro toca a gaita,
a muller toca o tambor,
os fillos tocan o bombo,
e o can ládralle ao roncón.
Ai la le lo, ai la le lo,
ai la le lo, ai la la la.
Podíase dicir que non era debida a consideración para a súa arte e que mesmo sufría constantes bromas da xente. A verdade e que lle facían as mil e unha ao bon do Penelo -os rapaces tapábanlle o roncón, marchábanlle coa gorra...- mais sempre sen saña, pois quen lle facía mal ao gaiteiro, faciase mal a si mesmo, tal bo home era.
Veciño de San Pedro de Ribas de Sil, forma parte xa do imaxinario popular das xentes daquelas contornas. Era ben sabido que o seu repertorio era más ben escaso e sempre estaba a tocar a mesma tocata, que tocaba igual un tango que un pasodobre, unha alborada que unha muiñeira. Cando alguén llo facía notar, el retrucaba que non lle faltaba algo de razón, pero que a que acababa de tocar ía un pouco máis recargada de bombo, "Non, non, non é tal que a esta deille dous golpiños máis de bombo", era a súa resposta habitual, a que todos agardaban escoitar. Aínda hoxe, cando alguén é un esaxerado ou bardalla de máis, adoita dicirse: "Cala, ho, que iso que dis vai algo recargado de bombo, como as do Penelo".
Un día deixou de escoitarse no tren a música do noso gaiteiro. A súa figura, co seu fardel cargado onde metía gaita, caixa e bombo, segue a viaxar hoxe na lembranza das xentes do val.
Publicado no Nº 1.179 de A NOSA TERRA. Do 9 ao 15 de xuño de 2005
Comentarios