A GAITA MÁXICA DE FELISA DE BENDILLÓ

A gaita máxica de Felisa de Bendilló


As magníficas gaiteiras que triunfan en Galiza teñen uhna nai artística. Felisa Vidal enche de maxia as terras de Quiroga coa arte do seu instrumento hai 85 anos




Xosé Pérez Mondelo

Bendilló é a capital galega do aceite. No seu centenario muíño aínda se moen as olivas que por todos os invernos se recollen das vellas oliveiras que inzan de fermosura clásica as encostas e o val de Quiroga. En estando o froito en sazón, unha vez vareado e carexado até o muíño, os burriños pacientes e laboriosos do lugar turran da enorme pedra do enxeño artesanal para tirarlle á oliva o ouro líquido.

Neste ámbito máxico, entre o Sil e a serra alta, na aba da montaña, naceu en 1903 Felisa Vidal Nogueira, que andando os anos íase converter nunha leda moza gaiteira, que malia o tempo pasado segue a ser recordada pola xente con moito agarimo e un aquel de admiración. Como foi para chegar a se converter na lendaria gaiteira de Bendilló? Din que foi un seu tío o que vendo a graza da rapariga animouna a aprender a tocar a gaita. Seica o tío vira nalgures tocar unha gaiteira e cavilou que había ser bo que a súa sobriña tamén fose quen de tocar. E meu dito, meu feito: falaron cun mestre gaiteiro da Pobra do Brollón, o señor Alfredo, e este deu en lle aprender os segredos básicos do instrumento. Como a rapaza era ben espelida e colleulle gusto ao estudo, aprendeu a tocar nun mes. Tiña daquela 17 anos.

A rapaza xa era quen de facer falar o instrumento e compañía non lle había faltar. Con seus dous tíos mais outro familiar, cuñado deles, formaron un cuarteto. Velaí os nomes dos compoñentes desta singular formación: o tío Clamades co requinto, o tío Antonio coa caixa, Narciso, no bombo, e Felisa coa súa gaita, como máxima atracción. Sobre o nome do grupo, se é que tiña, ninguén sabe dicir verdade certa: uns falas de Las Perlitas, nome que semella ben pouco axeitado. Outros recórdanos como As Gaiteiras de Bendilló, así en feminino e plural, cousa que parece máis asisada tendo en conta que ás veces tamén participaba no grupo unha súa irmá, Blandina, cando o do bombo faltaba. Por certo, andando o tempo, os dous bombeiros, Narciso e Blandina, acabaron casando e marchando para Buenos Aires.

Felisa podía sentirse ben arroupada para poder andar por aqueles camiños de Deus onde eran reclamadoas para tocar, sempre con moito éxito. Cantas veces tiñan que erguerse ao romper o día e andar logo leguas e leguas de camiño, atravesando serras e vieiros infindos, para volver no empardecer despois de tocaren o día enteiro. Todo por uns pouquiños pesos. Era tal o reclamo da súa presenza que en moitos lugares pedían que, despois de tocar cos compañeiros, botase ela unhas pezas sola. E xente quería ouvila tocar e a rapaza aínda sacaba algúns reás a maiores coas súas actuacións de solista.

Viaxaban moito polas aldeas próximas da serra e do Val, pero máis ca nada por terras de Valdeorras e do Bierzo. Mesmo hai quen lembra dunha vez que foran tocar a Villalpando. Noutra ocasión, por Pombriego, contan que dous lugares enfrontados estaban a celebrar no mesmo día as súas festas. No que tocaba Felisa foise amoreando a xente, de xeito que pouco a pouco tamén foron acercándose os do lugar veciño -por me ver a min, dicía orgullosa Felisa- quedando baleiro o campo da festa do pobo rival. Daquela, aos seus ramistas non lle quedou outra que mandar os outros gaiteiros de voltar para a casa.

Mais todo non debeu ser tan doado para a nosa gaiteira. Lembran os veciños da zona que a viron tocar cando eran noviños, que os máis atrevidos deron en dicir que era unha baixeza o que facía, que onde se viu unha muller tocar a gaita, que se estaba tola... Non debeu serlle doado abrirse camiño, e como outras pioneiras en tantos outros campos, tamén houbo de cargar coa incomprensión e o peso da tradición e a ignorancia.

Felisa casou aos 28 anos e abandonou a súa actividade musical. Unha mágoa. Era o ano 1931 e despois duna década de espallar a ledicia entre o pobo, a gaiteira de Bendilló esqueceu nalgures a súa gaita máxica que só recuperou para alegrar algunha festa íntima ou do lugar.

Felisa Vidal morreu o mesmo día que cumpría os noventa anos entre o respecto e a admiración dos seus veciños, que gardan dela unha moi grata memoria. Todos lembran o seu carácter alegre e o seu porte digno, co seu cabelo sempre recollido nun feitiño penteado, a tecer na roca lembranzas de mocidade. Hose en que tantas rapazas gaiteiras están a causar abraio na nosa terra e polo mundo adiante, queremos lembrar esta rapaciña gaiteira, que desde Bendilló, en tempos ben máis difíciles, sementou tanta ledicia nos campos da festa da nosa terra e fonda emoción no corazón dos seus veciños e admiradores.


Públicado en A Nosa Terra
Nº 1.120

Do 20 ao 26 de maio do 2004

Comentarios

Publicacións populares