Manuela Sánchez

Pomba, ponla, mai, señora, 
guía, vara, mai de nós:


Hoxe non quero saber como te chamas
nin perguntar qué foi da túa mocedade. 
Hoxe non quero máis que te lembrar de novo 
no cume mais antergo das mámoas proteitoras, 
ergueita, xurdia, forte, lanzal coma ninguén.


E fose coma fose, ti chamaraste ponla,
a mais verde do verde carballo que se vira. 
Aguia mortal na guerra, na paz señora pomba, 
mai e guía de nós, da nosa vida enteira.
Ti chamaraste ponla, ti chamaraste a vara 
mais outa do pombal.


Non chegan a ti as balas dende que pomba és, 
verde no zumo verde da figueira e da vide, 
verde ponla,
pros labregos de Lugo e pros granxeiros
dos verdes cómaros do mundo.
Pomba branca e máis branca
pros brancos mariñeiros de Vigo sempre branco 
ou pros dourados mariñeiros de Siam.


Pomba, ponla, mai, señora, 
guía, vara, mai de nós.


Lonxe
Lorenzo Varela


Ilustración de Luís Seoane e gravado de Virxilio








Comentarios

Publicacións populares