ANTONIO VIDAL: UN FOTÓGRAFO PARA UN POBO

Vilas literarias: San Clodio

Antonio Vidal: un fotógrafo para un pobo

X. PÉREZ MONDELO

Máis que un fotógrafo para un pobo, mellor sería dicir un fotógrafo para un val, pois aínda que foi en Ribas de Sil onde se estableceu e exerceu durante décadas o seu oficio, non hai casa en toda a ampla redonda do val e da montaña na que non se garde nunha cómoda, burata ou gabeta algunha das súas fotografías. Unhas fotografías que alén do valor emotivo, vistas desde os nosos días teñen un enorme valor estético e mesmo social e histórico, pois contempladas no seu conxunto son un testemuño fiel e delicado do vivir do pobo e unha mostra da beleza única do seu entorno natural.

Antonio Vidal (Petín 1915- Lugo 1994) foi durante moitos anos xastre en San Clodio, por todos recordado como un home elegante e espléndido, sempre coa súa cámara de retratar ao ombreiro, a rexistrar arrreo o vivir da súa vila. Era un dandi, de sorriso aberto e solidario, nun tempo de posguerra no que o seu corazón tenro e republicano soubo captar con delicadeza os traballos e os días dos seus veciños, o latexar cotiá do pobo.

San Clodio de Ribas do Sil foi o centro do seu universo creativo, o seu esencial topos fotográfico. Nese espazo docemente aloumiñado polo Sil, estaban para el o mundo enteiro con todos os seus homes e os seus soños, un espazo que o fotógrafo recreou unha e mil veces até o converter nun ámbito belamente iluminado, poeticamente retratado. Como tantos outros fotógrafos do seu tempo Antonio Vidal tivo unha grande vocación de cronista: a vida social e económica da súa vila, os traballos e os días dos seus veciños, os nenos, os vellos, os seres inocentes do pobo, a festa e o deporte, a natureza a se metamorfosear eternamente... todo quixo captar no seu devir. Podemos dicir que no corpus fotográfico de Antonio Vidal está contida toda a memoria emotiva e social de Ribas de Sil, nun arco temporal que abrangue catro décadas, desde os anos corenta, nos que o fotógrafo se instalou na vila -despois de pasar a súa adolescencia en Tánxer, de participar na guerra defendendo os ideais democráticos e de permanecer como prisioneiro en distintos campos de traballo- até ben entrados os anos oitenta, época na que tivo que ir abandonando paseniñamente a súa paixón fotográfica.

Á parte dos seus oficios de xastre e fotógrafo, Antonio Vidal foi un incansable dinamizador da vida social do pobo e da contorna nun tempo na que non eran moitas as mans nin as institucións que se prestasen a desenvolver e atender as súas necesidades de lecer e cultura. E el sempre prestou a súa axuda leda e incansable para encher ese vacío cultural, quizais levado pola súa sensibilidade de home educado nos valores de progreso e de xustiza social.

É sen dúbida un dos grandes artistas das terras Ribas de Sil e de Quiroga, unha das súas personaxes máis fascinantes. Un exemplo de compromiso e entrega á comunidade, o gran retratista das súas xentes e o gran iluminador da beleza do pobo, do espazo comunal e o do seu entorno natural. Por iso resulta imcomprensible que desde as institucións democráticas dos nosos días non se lle teña rendido unha homenaxe que lle faga honor. Coidamos que segue sen comprenderse a súa gran valía humana e artística. Para cando o nome dunha rúa para Antonio Vidal? Para cando o seu nome a iluminar e honrar a entrada dunha biblioteca, a fachada dun centro cívico ou dunha casa da cultura? Para cando un premio de fotografía -da natureza, por exemplo- que leve o seu nome? Para cando un sinxelo museo no que se garde a súa obra nunha sala de exposición permanente? A vila estaría a honrarse así mesma alén de dotarse dunha maior proxección de futuro e modernidade.

E non faltan á beira de Antonio Vidal outros fotógrafos que poidan acompañalo nesa sala ou sinxelo espazo museístico. Recordemos a un seu predecesor e mestre, o pioneiro da fotografía no val, don Pepito de San Pedro, coa súa vella cámara de alto trípode a retratar a época inmediatamente anterior á de Antonio Vidal e do que se conservan aínda moitos negativos de cristal de gran valor artístico e histórico. E, coincidindo no tempo co propio Antonio Vidal, a obra recentemente divulgada pola súa familia desde París, do outro retratista da comarca, Carlos Díaz Gallego, felizmente aínda entre nós. Fotógrafos clásicos aos que podíamos engadir as obras de outros dous magníficos fotógrafos da natureza dos nosos días: Ramón Vila Anca de San Martiño e Emilio Blanco de San Clodio, que ben merecen un recoñecemento por parte das responsables culturais e dos veciños das súas vilas. Que se está a facer para recoller todo este legado artístico? Parece un acto de xustiza e de necesidade que se respecte a memoria e se recolla debidamente a obra destes vellos fotógrafos, don Pepito, Antonio Vidal e Carlos Díaz Gallego, antes de se derramar ou perder definitivamente. Canta non se terá xa perdido!

Mais, desta volta, queríamos só lembrar a Antonio Vidal, o gran fotógrafo do val.

Comentarios

Totalmente de acuerdo en cuanto a la oportunidad de hacer ese merecido y justificado homenaje a ANTONIO VIDAL de cualquiera de las maneras que bien sugieres. Personalmente he publicado muchas de sus fotografías en mi blog (www.torbeo.com) y en ellas están algunos de mis amigos, familiares y yo mismo de pequeño. No entiendo cuando dices que estuvo en campos de trabajo "hasta bien entrado los ochenta", supongo que es un error.

Publicacións populares