Terra de lapas e fume

O Estado fallou estrepitosamente en relación cos incendios de Galicia do pasado fin de semana. Non dominou a situación. E o máis grave é que hai catro mortos, vivendas destruídas, terreos perdidos, bosques arrasados e moito gando, así como fauna, mortos. Iso nun par de días. Quen mira pola seguridade da poboación indefensa ante unha catástrofe provocada? Cando se van asumir responsabilidades dos desaguisados que ano tras ano prodúcense en Galicia en forma de incendios. E cando levará a cabo a prevención acertada ante posibles traxedias como as derivadas dos lumes?

En Galicia hai profesionais, académicos, científicos, políticos, sindicatos, xuíces, policías, gardas civís, cidadáns coñecedores do fenómeno dos incendios. En fin xente preparada, ademais de millóns de cartos, aos que oio opinar seriamente desde neno, que non dan coa solución que evite que Galicia arda ano tras ano desde décadas, e que sigan morrendo inocentes. 

Cada un leva o lume ao seu eido sen escoitarse uns aos outros. Por iso lémbranme aos que prenden lume ás leiras dos veciños porque non están de acordo en asuntos de fácil solución.

Non me serve de consolo que ninguén se libra dos incendios na Península Ibérica, sobre todo Portugal. Incluso indo máis lonxe, ata a feraz California recibe periódicamente a visita de devastadores incendios todos con decenas de mortos, o cal semella un castigo divino. Pero nun mundo laico o que acende o lume é un animal racional de camiña erguido sobre as súas dúas pernas e ten un cerebro privilexiado que non o posúen millóns doutros seres viventes que se queiman ata a morte nunha especie de xenocidio co cal convivimos grazas a globalidade informativa que nos insensibiliza ante calquer drama.

Roque Soto Soto

Comentarios

Publicacións populares