A Casa Usher

Durante un día enteiro de outono, escuro, sombrizo, silandeiro, en que as nubes se cernían  opresoras nos ceos, cruzara só, dacabalo, a través dunha extensión  monótona de campiña, e ao final atopeime, cando as sombras da noite estendíanse, á vista da melancólica Casa de  Usher. Non sei como sucedeu; pero, á primeira vista do edificio, unha sensación de insufrible tristeza penetrou no meu espírito. Digo insufrible, pois aquel sentimento non estaba mitigado por esa emoción  case agradábel, por ser poético, con que acolle en xeral o ánimo ata a severidade das naturais imaxes da desolación ou do terror.

Miraba a escena ante min —a simple casa, a simple paisaxe característica da posesión, os xeados muros, as xanelas parecidas a ollos baleiros, algúns  xuncos aliñados e uns cantos troncos brancos e febles— cun completo abatemento de alma que non pode compararse apropiadamente, entre as sensacións terrestres, máis que con esa ilusión posterior do  opiómano, con esa amarga volta á vida diaria, á atroz caída do veo. Era unha sensación  xélida, un abatemento, unha  náusea, unha irremediable tristeza de pensamento que ningún estímulo da imaxinación podía empurrar ao sublime. Que era aquilo —detívenme a pensar—, que era aquilo que me  desanimaba así ao contemplar a Casa  Usher?

A caída da casa Usher
Edgar Allan Poe
Ilustración de Arthur Rackman
Fotograma do filme La chute de la maison Usher (1928), de Jean Epstein



Comentarios

Publicacións populares