A POETISA DO SIL

Vilas literarias: Quiroga



Escola de Doloriñas, de Julia Minguillón

Fun á escola de párvulos na fermosa praza de María Pita e vivín na rúa do Orzán primeiro, e despois pasei a vivir no daquela chamado Campo Volante, onde vivimos ata os meus sete anos, máis ou menos, en que me levaron para Quiroga, Lugo, por traslado do meu pai, funcionario de Correos, e alí fixen a miña Primeira Comunión. Logo de dous anos voltamos para Ourense, cidade berce miña e de Dora, miña irmá. E como todos os cativos, asistín á escola Primaria, que estaba fronte mesmo do Instituto de Bacherelato, hoxe chamado de Otero Pedrayo, que máis tarde foi profesor meu, durante dous cursos, un de Xeografía e outro de Historia de España. Alí estudei cinco anos, interrumpidos pola Guerra Civil de España.

Esta mistura de paisaxes por Galicia na primeira idade, deberon darme a primeira semente de desacougo e poesía que máis adiante me levarían a facer longas viaxes por trens, barcos e avión. Podo dicir que que case que nacín emigrante, indo dunhas para outras provincias de Galicia en poucos anos da miña infancia. Cecáis por iso quixen máis tarde ser unha galega emigrante de América. 

Déronme a primeira escola de mestra nacional nun precioso pobo da Ribeira do Sil, chamado Chandrexa, perto de onde tiña a escola Dora, no pobo de Teimende, no mismo concello. Estuven alí un curso completo para aprobar a oposición facendo prácticas. E aprobeina, pero cun número bastante alto. Xa confesei que non era a mellor estudante.

O río Sil, que pasaba por Chandrexa e as súas fragas, deixaron en min tal impresión naqueles primeiros anos -tamén pasaba por Quiroga e xa me engadaba ollalo e sentir o rumor das súas augas-, que máis tarde cheguei a cantalo e describilo sentindo de lonxe esas emocións, nalgúns libros dos primeiros que saquei do prelo. Por iso mesmo, a miña querida amiga, a escritora e académica da Española, Carmen Conde, chamábame nalgúns artigos e reseñas "a poetisa do Sil", nome que cando cheguei máis tarde a Madrid e a Segovia -onde tiven a primeira escola fóra de Galicia, nun pobo chamado Armuña, xa me nomeaban así os poetas casteláns dos dous sitios. 

O pouco tempo de chegar a Segovia, os poetas segovianos e escritores tamén comezaron a chamarlle ó pobo onde tiña a escola "La Armuña de Pura Vázquez", despois de coñecelos e coller amizade co eles.


Uxío Novoneyra, Ramón Piñeiro, A. Bonet, Pura Vázquez e Manuel María. 1952, Compostela.
Pormenor das memorias, Terra matria dos soños, orixinal de Pura Vázquez. Abano Editores. Colección Carpe Diem. Ourense. 1999.

Comentarios

Publicacións populares