Fala un mendigo ó seu can
Eu vin a luz de Deus na túa ollada
e vin faíscas do saber enteiro,
eu vin o amor resolto en doce abeiro
e vin a paz da alma sosegada.
Fuches doce compaña namorada
nas esgrevias quebradas do carreiro,
cando o teu corpo, mol e rebuldeiro.
me arroupaba nas noites de xeada.
Xuntos andamos, xuntos percorrimos
─eu con farrapos, ti con pel brillante─
as veigas doces e os esquivos montes.
Xuntos estamos, xuntos compartimos
─eu no cansazo, ti no gozo errante─
a liberdade azul dos horizontes.
María Victoria Moreno
Fotografías do dominio © fototelegraf.ru
Comentarios