HOMENAXE 4

Vilas literarias: Quiroga





Homenaxe 4

Estes poemas breves, á maneira dos haiku, adicados ó vello e querido Uxío Novoneyra —sempre no recordo— chegaron a min un atardecer frío e con chuvia fina do mes de decembro, cando percorrendo os camiños da miña infancia dun neno de aldea en Outeiro de Courel, lembrei o seu último adeus. Xa moi maliño, díxome: "Perfecto, Hilario!". Na miña soidade e na contemplación das montañas, cos cumes nevados, viñeron á miña memoria, naquel vento, con caricia fría e co ritmo do silencio da terra, aqueles versos de Os Eidos, versos da esencialidade poética ós que o meu ser poético dialogante responde sincera e sinxelamente:

O ceo
o ucedo
os penedos
co cello do Inverno.

(Ó Uxío poeta total, ó home poeta, á súa poesía de sempre)

O Courel, súa voz
a palabra no tempo
e o tempo nela.

(E ó Uxío amigo, á súa humanidade e xenerosidade)

O escano na porta
a casa sempre aberta
o pan, o viño
... e os amigos!



Hilario González Fernández,
Nadal 1999

Cartafol nº 2
Papeis para a Paz
I.E.S. Ánxel Casal Montealto A Coruña
30 xaneiro 2000, Día da Paz e de Castelao

Imaxes: Courel sugar mountain. Roque Soto Soto

Comentarios

Publicacións populares