VÍTOR E SAMUEL SOTO: MESTRES QUIROGUESES DE ZANFONA E BOUZOUKI
Vilas literarias: Quiroga
VÍTOR e SAMUEL SOTO: mestres quirogueses de zanfona e bouzouki
Xosé P. Mondelo
Foron principalmente Lelo e Mingos os que seguiron o seu maxisterio, o primeiro herdando a gaita de seu pai Leopoldo e o segundo facéndose cargo da caixa. E, malia que José non herdase as habelencias musicais de seu pai e irmáns, aínda que os teña acompañado en diversas actuacións a petar no bombo, si que vai cumprir un papel fundamental na transmisión do patrimonio musical familiar entre os seus propios fillos, prolongando unha volta máis a espiral de respecto e amor á música que se vivía na casa e no lugar dos Novais. Unha fidelidade que fixo posible que no rachase esta cadea sonora interxeracional que chega a hoxe recollida polos seus netos Vítor e Samuel.
José Soto gardou esta memoria, conservou a gaita e a caixa de seus irmáns Lelo e Mingos, sobreviviunos longos anos e herdou o nome da Casa. Todo un tesouro emocional, instrumental e simbólico, que á súa vez puxo en mans do seu propio fillo, Manuel Soto, o pai de Vítor e Samuel, que desde a súa nenez foron conscientes dese delicado herdo secular, un agasallo que había conformar a súa educación sentimental e mesmo o seu devir vital.
Como pasa con outras sagas familiares, é curioso observar este fenomeno de transmisión xeracional da vivencia musical nunha mesma casa, e mesmo nun mesmo lugar, onde a paixón musical prende como unha labarada que non se extingue, un lume a cada vez máis ardente, unha chama que pasa de avós a fillos e destes a netos nunha carreira de relevos e como unha marca de distinción: un emblema da casa, un brasón labrado con infinitas notas musicais. Un río sonoro sempre a medrar.
Os nenos, Vítor e Samuel, xa naceron arrolados por esas augas. En canto medraron, seu pai, o gardián último do tesouro musical da Casa do Gaiteiro, que daquela se trasladara a Carballo de Bergantiños, ese ámbito inagotable da música tradicional, matriculounos na Escola de Gaitas da Asociación Cultural Alfredo Brañas, onde comezarán a forxar os sólidos alicerces das súas futuras carreiras musicais, como multiinstrumentistas e futuros mestres, á súa vez, de novos talentos. Unha escola de gaitas onde os dous irmáns van permanecer durante tres anos e nos que se despertará de vez a súa innata inclinación musical e onde se afanarán nas aprendizaxes propias do noso instrumento nacional así como no dominio da pandeireta. Unha experiencia iniciática que tamén os levará a compartir escenarios cos seus compañeiros de escola en festivales varios como os organizados anualmente pola pioneira e popular escola de música e danza Xacarandaina.
Circunstancias familiares inesperadas e dolorosas para Vítor e Samuel fan que regresen á súa vila natal, deixando arrombadas no esquezo a súa paixón musical e a súa aprendizaxe regrada. Un abandono da música que non lles ha impedir seguir, en solitario, asentando a súa formación inicial.
Pasado un tempo de introspección e silencio, a familia trasladará a súa residencia a Vigo, unha cidade que vai abrir todo un abano de posibilidades de formación e convivio musical que levarán aos rapaces quirogueses a se converter nos estimados intérpretes e mestres de hoxe. Cada un deles á procura dos seus propios camiños formativos e expresivos.
Vítor Soto, durante a súa estancia en Quiroga, despois dos anos bergantiñáns, formou parte do grupo de gaitas Os novos da Ermida, unha formación de músicos adolescentes na que verqueu todo o seu bo facer como gaiteiro, e que foi moi reclamada na contorna nun tempo de rexurdir da nosa musica popular, á que se ían incorporando novos mozos entusiastas e ben formadas nas escolas de gaita e baile que ían florecendo no país. Un tempo ledo para Vítor Soto, de convivio e de festa, revivindo no seu porte e na súa memoria os vellos músicos da familia, Leopoldo, Lelo e Mingos e os que canda eles tocaran noutrora: o Carlos Rodríguez e Feliciano Martínez dos Celtas de Paradaseca, Manuel o gaiteiro do Toxo de San Clodio de Ribas de Sil, Francisco Aristondo, o Pata de Pao e tantos outros. Mesmo a lendaria gaiteira de Bendillo, Felisa Vidal Nogueira, había sentir fachenda dos rapaciños da Ermida e de tocar e danzar ao seu son, en respondendo folgos e pernas, tan velliña.
Mais, agora é outro momento: un tempo de estudo e entusiasmo para Vítor, un tempo centrado, alén da gaita, na viola de gamba e na zanfona. Obtén a Diplomatura en Maxisterio Musical pola Facultade de Ciencias da Educación na Universidade de Vigo e a seguir o Grao Profesional na especialidade de música antiga en viola de gamba, que o habilitará como técnico nas ensinanzas profesionais de música nesta especialidade, que acadou no Conservatorio de Música Profesional Manuel Quiroga de Pontevedra.
A partir desta acreditación profesional vai procurar o seu propio camiño formativo e docente. E non ha ser a viola de gamba o que o atrape definitivamente. Ha ser un instrumento senlleiro, a zanfona, o que entre na súa vida para se quedar e o namore de vez.
Neste namoro sera definitivo a súa entrada na E-TRAD, a Escola Municipal de Vigo de Música Folk e Tradicional, e o encontro con un dos grandes zanfonistas de Galicia: Anxo Pintos, do que recibe toda a súa formación e experiencia en zanfona tradicional. Un encontro crucial con Anxo Pintos, e posteriormente con Germán Díaz, agora na Escola de Música Municipal de Compostela, que lle descobre os segredos da zanfona contemporánea, nos que logo ha profundizar na escola Fingoi de Lugo.
Toda esta bagaxe formativa vai despertar en Vítor Soto o desexo de a compartir, dando comezo a un incansable labor docente como mestre de zanfona na escola de gaitas de Pontevedra en Vigo e en distintas asociacóns culturais da cidade e de Galicia. Un labor docente, cunha dedicación especial aos cativos, que vai compaxinar cunha intensa actividade como intérprete e organizador dos Cursos de zanfona do Viso, xunto ao luthier e músico Carlos do Viso, cursos nacionais e internacionais nos que participaron zanfonistas de primeiro nivel como Óscar Fernández, Efrén López, Paulo Gonçalves, Iván Abal e os seus mestres Germán Díaz e Anxo Pintos.
No tocante ao seu labor como creador e intérprete de zanfona -e viola de gamba-Vítor Soto ten participado en númerosos concertos e gravacións como zanfonista, entre os que salientamos o disco homenaxe a Faustino Santalices: A zanfona na Galiza do S. XXI, así como no libro-CD Contos e Coplas de Estrelas e no traballo Trastempo da Orquestra Sondeseu, da que foi integrante.
En todo caso, ben como interprete, como dinamizador ou como docente, procurando sempre extraer da zanfona todas as súas posibilidades expresivas e acercar a todo tipo de público o seu coñecemento, valoración e disfrute.
Samuel Soto vai enfocar a súa vida musical en distintos ámbitos: a composición e o canto, a docencia e a instrumental, sendo un destacado intérprete de distintos instrumentos de corda como a guitarra, a mandolina, o ukelele e o bouzouki, así como de percusión, fundamentalmente a pandeireta. Mais, se ao falarmos de Vítor salientamos o seu namoro da zanfona, no caso de Samuel vai ser o bouzouki o que atrape o seu corazón, converténdose nun dos bouzoukistas máis reclamados do país.
Como foi o seu itinerario vital e artístico?
Despois do seu paso pola escola de gaitas e percusión Alfredo Brañas, onde sentou as bases da súa futura técnica instrumental, logo de estar un longo período alonxado da actividade musical, vai ser en Vigo onde retome as ensinanzas de neno en Bergantiños.
Mais, entrementes, ha realizar os estudos universitarios en Compostela, onde se licencia en Dereito, unha profesión que non exercerá, levado da súa inclinación artística, que case de forma innata e ineludible o levará a converterse en músico profesional: bouzoukista, percusionista, compositor e cantante.
En Vigo Samuel Soto entra nese creativo laboratorio musical que é E- TRAD, onde recibe aulas dos mestres de corda Xabier Feijoo (pandeireta e canto), Xosé Liz (bouzouki), co que á súa vez perfecciona a técnica da pandeireta, e con Xoaquín Xesteira (percusión), membro de Treixadura. Toda esta aprendizaxe cos mellores mestres levarao a entregarse ao seu labor como concertista en diferentes grupos e como mestre de pandeireta e gaita en distintas asociacións da cidade, especializándose na docencia de instrumentos de corda, máis en concreto, en guitarra folk, mandolina, ukelele e bouzouki irlandés.
Como concertista, Samuel Soto é membro e colaborador das máis experimentais formacións de música tradicional: SonDeSeu, Ardentía, Isidro Vidal, Manoela de Felisa, Andrea Pousa, Álvaro Costa, Os Coribantes de Buchabade... cos que actuará en escenarios de todo o mundo, desde Zas e Pardiñas, a Escocia, Finlandia ou Costa Rica.
As súas colaboracións con outros músicos son tamén moi diversas, participando en traballos de artistas de renome como Rodrigo Romaní, Kepa Junquera, Uxía Senlle ou Eliseo Parra, e colaborando en discos de grupos como Coanhadeira (Bicos con luvas), SonDeSeu (Barlovento) Ardentía (Vintage/ Adiante), Banda Baile Asalto (Banda Baile Asalto), Milsón's (Mariñeiros de Breogán) Manoele de Felisa ( Cancioneiro do camiño), O Fiadeiro (A viaxe de José do Campo) e Sonus de Gaia (Gaia Formosa).
Á par destas colaboracións como intérprete de bouzouki e percusión, sempre aniñou no músico quirogués o gusto pola escrita e a composición, de sempre amigo de pór por escrito as súas vivencias cotiás, pasalas ao pentagrama e e interpretalas na súa propia voz. Unha faceta como cantante e compositor que ten recibido distintos recoñecementos, como o Premio do Festival de composición Vicente Ferrer así como o do Festival Folk de Chiclana de la Frontera. Foron tamén amplamente recoñecidos os seus traballos en solitario, de letrista e voz, sobre as figuras de Antón Fraguas e Ricardo Carvalho Calero con motivo do Día das Letras Galegas, así como a súa participación no concurso da Canción do Verán, onde foi finalista cos temas Olerelele e A derradeira.
Con todo, vai ser a súa participación nun proxecto con músicos tradicionais de todo o mundo, Sonus da Gaia, coordinado desde Taiwan polo músico galego Xosé García, no que se funde música tradicional galega, taiwanesa e caribeña, o que lle vai valer un gran recoñecemento alén das nosas fronteiras. Neste ambicioso traballo Samuel Soto aparece como instrumentista de cunchas e pandeireta e como compositor e voz do tema Gaia Formosa, do que se gravou un single do mesmo nome e que supuxo un paso mais na internacionalización da nosa música tradicional, unha fonte a deitar arreo beleza mundo adiante.
Hoxe son outros tempos, tan distintos aos dos vellos gaiteiros e instrumentistas varios, desde os violinistas cegos doutrora até as humildes formacións que, da montaña ao val, teñen aledado os campos da festa, os soutos e as airas, os salóns populares ao longo dun século. Mais, todos e cada un dos nosos músicos foron un elo necesario na cadea de subsistencia e resistencia da nosa música: dende o Gaiteiro Perdido, do que nada sabemos, a non ser o seu evocador nome, até Vítor e Samuel Soto e tantos outros compañeiros de oficio, agora felizmente recoñecidos dentro e alén de Galicia.
Para todos, a nosa beizón. E unha fonda gratitude.
Comentarios