XOSÉ LUÍS LÓPEZ BLANCO, "TORRES"
De Los Truenos á Orquestra Mondragón
Xosé Pérez Mondelo
Quiroga e Ribas de Sil, o val e toda a súa redonda, son un fértil espazo sonoro, berce de incontables instrumentistas e agrupacións musicais, desde que a memoria acorda até os nosos días.
E de entre esa longa nómina de ilustres músicos salienta a figura de Xose Luís López, 'Torres' e o nome dun grupo mítico na historia musical quiroguesa: Los Truenos. Un antes e un despois á hora de falarmos das músicas do val.
Los Truenos naceron contra o finais do ano 1965, pode que nos primeiros meses do ano 1966. En calquera caso, un feito histórico, todo un acontecemento que veu revolucionar a durmida vida musical da vila, na que até o momento os intérpretes máis reclamados eran a gran orquestra Os Padernes de Courel e os recordados gaiteiros o Penelo e o Terratrás, que non podían faltar en todo tipo de encontros festivos.
Con Los Truenos chegaba definitivamente a modernidade ao val, o pop e o rock and roll, toda a corrente de rebeldía e lirismo que estaban a pregoar, por riba de todas as fronteiras, catro rapaciños de Liverpool: a beatlemanía. E, daquela, xa nada volveu ser o mesmo, non houbo volta atrás. En Quiroga, como en Londres, os tempos tamén estaban a cambiar.
Como os ingleses, os nosos 'beatles' tamén eran catro: tres guitarras e un batería, igualiño ca eles, con identica estética e o mesmo peiteado. E alí estaba para inmortalizar o momento a cámara de Antonio Vidal, esa fotografía histórica de Los Truenos na ponte de Villaverde, os catro con cadanseu instrumento, ledos, rutilantes, apostos, anunciando o futuro, os seus nomes grabados para sempre na memoria do val.
Estes catro rapaces, que aínda non acadaran a maioría de idade, eran Julio Artime, cantante e guitarra rítmica, Javier Prieto, guitarra solista, Julián Vázquez, baixo, e José Luís López, percusión. Axiña foron reclamados para amenizar as festas dos pobos da redonda, tendo como espazos de actuación preferidos salas como o Casino do Poblado de Montefurado e a Pista de San Clodio, escenario lendario polo que pasaron as máis diversas formacións musicais e na que tantos mozos e mozas, homes e mulleres da contorna, disfrutaron inolvidables momentos das súas vidas. Un auténtico templo da música e do lecer, no que os xóvenes músicos, despregaron todo o seu repertorio de temas de The Beatles e mesmo cancións de soul, de Wilson Pickett a Otis Redding, dos que eran admiradores, daquela moi presentes na programación radiofónica. E, certamente, non podían faltar os éxitos de Los Bravos, Los Brincos, Miki y Los Tonys, "o rapaz da harmónica", Los Pekenikes, Los Relámpagos, The Shadows e tantos outros.
Mais, as cousas duran o que teñen que durar. O destino é sempre imprevisible e causas diversas levaron á fín da traxectoria musical de Los Truenos.
Nun segundo momento, xa rematada a vida musical do conxunto , diversos membros do grupo foron chamados desde o Bierzo para completar unha formación orquestral de Toral de los Vados, que coñecedora da súa valía contratou a Julián, Javier e Xosé Luís e que mesmo conservou o nome orixinal do grupo quirogués: Los Truenos de Galicia. Máis adiante, Julio Vázquez e Javier Prieto habían continuar unidos á música en formacións como Los Condes de Lemos ou a orquestra Gran Veracruz de Ourense, mentres que Julio Artime, desde aquela retirado dos escenarios, retomaría ultimamente a súa paixón musical colaborando co grupo de gaitas quirogués O Recanto, aos que acompañaba no bombo.
Pola súa parte, Xosé Luís, o Torres, unha vez rematado o servizo militar, vai dar un salto de xigante na súa carreira musical ao se trasladar no ano 1970 a San Sebastián, onde residía a súa familia e o agardaba o seu irmán máis novo, tamén bateria nunha formación da cidade, Los Centauros, no que tocaba un compañeiro que, á súa vez, traballaba no mesmo banco no que un xoven Javier Gurruchaga facía as funcións de rapaz dos recados. En realidade, xa sabían da súa sona e estábano agardando. E quen o agardaba era nin máis nin menos que o propio Gurruchaga, que daquela era o líder do grupo Calígula, antes de crear a Orquestra Mondragón. E nese grupo, Calígula, integrouse Xosé Luís López Blanco: unha banda de rock, amantes de versionar a Chicago, a Santana... e a outras bandas anglosaxonas do momento. Esa foi a primeira experiencia do batería quirogués en Euskadi, que durou sobre dun ano, actuando nos máis sonados escenarios de Navarra e Euskadi, xa para sempre o seu país de acollida e no que había de desenvolver a súa carreira musical e profesional.
E, a camiño entre Calígula e a Mondragón, case en paralelo pois xa formaba parte desta nova orquestra, Xosé Luís López, xunto a Alfredo Cotxo, pianista na formación de Gurruchaga, colaborará con Trigo Limpio, un trío donostiarra de música lixeira que acadou no seu momento un éxito notable.
A vida das bandas non adoita ser lonxeva e intereses varios soen rematar coa súa estabilidade. Javier Gurruchaga quería facer unha orquestra de vento... con pallasos, unha mestura de banda de rock e clube da comedia, circense e cómica, na que tiñan un papel sobranceiro o carismático Pedro Ayestarán, Popotxo, e Jesús Ruíz, Jesusosky, o seu compañeiro de chanzas e, en cuxa orixe, como membro fundador, estivo o bateria galego. Era o nacemento da Orquestra Mondragón
O éxito do espéctaculo, puro rock, humor, desenfado e desenfreo, foi instantáneo, o nunca visto: un trebón, un lóstrego, que abalou e iluminou o panorama musical peninsular.
Axiña chamaron ás portas da formación as casas de discos nacionais e internacionais e o que comezara como un grupo local pasou a converterse nunha banda altamente profesionalizada de dimensión transnacional. E produciuse a fenda, a súa escisión: Javier Gurruchaga marchou con catro das músicos da orquestra e mais con Popotxo, un dos seus sinais de identidade.
É agora cando comeza unha nova etapa na traxectoria artística de Xosé Luís Blanco: cos compañeiros que ficaron en Donosti formaron un novo grupo, Puskarra, que chegaría a ser unha banda de referencia da música en Euskadi e mesmo un antecedente do futuro movemento do rock radical vasco, todo un fenómeno social e musical, rock alternativo profundamente enraízado no propio devir da sociedade vasca.
En Puskarra convivían dúas almas. Nun primeiro momento foi determinante o espírito punk do grupo, na liña corrosiva, radical, nihilista e irreverente de grupos como os Sex Pistols e Clash. E máis adiante, unha liña post- punk na onda de bandas como Police ou The Jam.
Puskarra foi, canda UHF e Mogollón, un dos grupos de referencia do chamado Donosti Sound, a movida vasca, no que xogou un importantísimo papel Santiago Ugarte, impulsor da marca Donosti Sound e dunha xira que levou ás tres formacións a actuaren en distintos locais da capital, entre eles a emblemática sala da movida madrileña Rock Ola. E aí acabou a historia do Donosti Sound, mais non os proxectos do noso bateria.
Foi daquela que entrou a formar parte de Amor a traición, no que Rafa Berrio, cantante e letrista, era a alma do grupo, e que chegou a grabar dous singles e dous discos de culto, hoxe de coleccionista e que tivo tamén unha vida breve, dous anos de duración.
Nesta viaxe ascendente e musicalmente vertixinosa, o batería quirogués vai entrar en Duncan Dhu. Mikel Erentxun, que tocaba nun grupo de rokabilly chamado os Aristogatos, era un admirador de Puskarra. Sempre devecera por tocar con Puskarra, mais na casa non eran moi partidarios da idea: "non queremos que toques con eses terroristas", dicíanlle seus pais. Así que formou o seu propio grupo, Duncan Dhu, en compañía de cantautor, poeta e pintor Diego Vasallo. Na súa formacion, o ano 1988, entraría Xosé Luís López, unha vez que o seu primeiro batería deixou o grupo. Con Duncan Dhu, participou o percusionista galego-euskaldún nunha xira dun mes de duración por diferentes cidades dos EEUU, así como noutras actuacións por diversos paises europeos.
Chegados ao ano 1989, integrarase nun novo grupo, Los ojos de Carmen, de pop rock, amigos e protexidos de Diego Vasallo e Mikel Erentxun, que lle produciron un primeiro disco, Vasallo, e un segundo, Erentxun, actuando como teloneiros, en 1990, nunha xira de Duncan Dhu e colaborando tamén en distintas grabacións do dúo donostiarra.
No ano 1993, volverá coincidir con algún antigo membro de Los ojos de Carmen, formando un novo grupo, Apartado 707, que editaron un traballo, Vive y deja vivir, que non tivo as vendas desexadas: uns escasos beneficios entregados a unha organización non gubernamental. Como tampouco había ter o eco agardado un LP anterior co grupo tecno Litus Van, que debido á pouca acollida disolveríase para formar Apartado 707, a derradeira formación do músico quirogués. E, entre unha e outra formación -mesmo estando xa con Duncan Dhu- volverá tocar tamén cos vellos compañeiros de Amor a traición, que seguiran o seu propio camiño e cos que nunca perdera o contacto, cando estes o necesitaban para os seus concertos. Como igualmente había participar nalgún dos posteriores traballos de Duncan Dhu. Asi é a vida dun músico profesional.
Será no ano 1999 cando Xosé Luís López Blanco regrese definitivamente a Quiroga, despois dunha vida persoal, profesional e musicalmente plenas no País Vasco. Hoxe disfruta das súas andainas diarias polos camiños do val, do son dos ríos que o atravesan manseliños, dos cumes, das nubes multiformes e os atardeceres de ámbar... da súa casa ateigada de películas, discos e libros. Sen nostalxia, mais lembrando cada paso dunha longa viaxe que o levou de Los Truenos á Orquestra Mondragón e Duncan Dhu.
De Quiroga a San Sebastián e finalmente de volta á Terra.
Comentarios