ROBERTO CASTRO E A BANDA FOLK DE RIBAS DE SIL: un modelo de educación musical
Ribas de Sil e Quiroga: vilas musicais
X. Pérez Mondelo
Ao falarnos da vida musical de Ribas de Sil e Quiroga parece evidente que, desde os inicios do pasado século, achamos unha liña de continuidade que vai desde os vellos grupos e instrumentistas que conformaron o seu rico pasado até os nosos días. Desde músicos como Os Celtas de Paradaseca, Felisa de Bendillo ou a gran orquestra da serra, Os Padernes de Courel, até os dous gaiteiros máis queridos polo pobo a unha e outra banda do río, o Penelo de Caspedro e o Terratrás de Torbeo.
E non se pode obviar a influencia das bandas populares e das orquestras que visitaban as nosas vilas con motivo das festas maiores, traendo canda elas todos os ritmos do mundo, unha mestizaxe rítmica que tamén nos chegou co ir e vir do éxodo migratorio.
A mediados dos sesenta vai ser definitiva a irrupción da música pop e rock anglosaxona e daquela xurdirán no val dous grupos lendarios: Los Truenos en San Martiño e Ekos en San Clodio.
O camiño quedaba aberto para a aparición doutras bandas posteriores como Brigancia e Fase - agora nun tempo de rexurdir da música folk galega e a de raíz céltica- até chegar ás actuais formacións O Recanto de Quiroga, a Banda de Gaitas e a Banda Folk de Ribas de Sil e intérpretes como o mestre Emilio Estévez, Manuel R. Crespo, Xavi Castro, José Antonio 'Champi', Vítor Soto, Samuel Soto ou Fernando Estévez. Todos eles un motivo de orgullo para o val.
Se hai alguén que representa esa liña de continuidade musical ese é Roberto Castro, violinista e guitarrista, en realidade un músico versátil, antigo compoñente do grupo Brigancia, a recordada formación ribasilense. A semente deitada por Truenos e Ekos non había murchar e deixar de florecer, agarimada con respecto e mimo polos rapaces de Brigancia, ansiosos de aprender e se expresaren coa música, depositarios dunhas aprendizaxes que ían devolver á súa vez ás novas xeracións de nenos e nenas ás portas do novo milenio.
Primeira xeración
E até aquí queriamos chegar: a contar a historia do gran proxecto educativo e musical que representan a Banda de Gaitas e a Banda de Música Folk de Ribas de Sil.
Foi precisamente en 1998 cando recomezou todo. Nese ano, no mes de maio, un grupo de meniños do pobo vai recibir os primeiros conceptos musicais baixo o maxisterio de Roberto Castro, que asumirá a dirección dese proxecto modélico.
En realidade, un modelo de aprendizaxe musical que vén sendo a translación aos nosos días dos modos de transmisión seculares no noso pobo, onde a carón do lume do inverno, ao coidado da facenda na soidade da serra, despois dos labores cotiáns... os vellos músicos do lugar introducían aos máis novos nos segredos das notas musicais: a música como un complemento á economía familiar e unha maneira de superación persoal, como oficio, necesidade e paixón a un tempo. Nunca a música deixou de acompasar o vivir dos pobos.
Volvendo a maio de 1998, despois daquelas primeiras nocións musicais, ao ano seguinte, a partir dese grupo inicial de nenos vaise crear a Banda de Gaitas e será dous anos despois, no 2001 cando apareza a Banda de Música Folk. E, finalmente, a creación no ano 2002 da Escola Infantil de Música de Ribas de Sil na que de xeito aberto e gratuíto se han formar moitos rapaces recibindo clases de solfeo e de iniciación a órgano e frauta. Isto no primeiro ano porque xa no curso 2003-2004 van ter o privilexio de iniciárense nos misterios do baixo eléctrico, da mandolina, da guitarra, da batería... Un universo musical ao alcance das súas mans.
Entrado o ano 2005 A Escola Infantil, a Banda de Gaitas e a Banda de Musica Folk, a pleno rendemento, van dispor dun novo recurso extraordinario: a posta en marcha dun estudio de gravación. Houbo que se pór mans á obra para reformar as aulas co fin de acomodar unha pequena sala de maquetas que posibilitase gravacións máis esixentes e ademais había que insonorizar as novas instalacións. Todo isto facilitará a gravación, no ano 2008, mais publicado no 2009, do segundo disco da Banda de Musica Folk, desta volta realizada no novo estudio, que entre outros obxectivos, alén de facer posible as propias gravacións, pretende así evitar os elevados custos de desprazamento, mantenza e pagos por horas de aluguer de locais e equipos de son.
Esta primeira etapa de esplendor e consolidación da Banda Folk, despois de múltiples actuacións por toda a xeografía galega, podemos dala por rematada en agosto do ano 2008 cun gran concerto en Allariz, nun momento onde xa se manifestaban dificultades para a súa continuidade: "os rapaces van medrando, aparecen novas esixencias académicas e laborais, os ensaios distáncianse máis e máis e todo vai esmorecendo. A partir deste ano a actividade musical redúcese á Banda de Gaitas, quedando xa que logo amortizada a primeira xeración da Banda Folk". Unha situación cíclica a que nos describe o seu responsable, como habemos ver máis adiante.
Non entanto, sobrevive a Escola de Música á que acceden novos rapaces que han ser o xerme da segunda xeración da Banda de Música Folk. Nesta altura, pois, encontrámonos coa presencia do Grupo de Gaitas que actuará polas festas das distintas aldeas e eses novos nenos da Escola de música, que unha vez que se consoliden como grupo haberán de formar a nova banda folk.
Segunda xeración
No ano 2010 comeza a andaina da segunda xeración da Banda de Música Folk de Ribas do Sil, que vai medrando devagar, mais chegado o ano 2013 a súa actividade volta a resentirse coincidindo cun contratempo na saúde do seu mestre Roberto Castro.
E neste difícil proceso que obriga a dar un paso adiante e outro cara atrás, de novo recuperada a normalidade, chegado o ano 2014 vaise dar un salto importante a raíz do primeiro gran concerto da Banda Folk, unha reaparición publica que suporá de novo a súa consolidación así como a da súa formación irmá o Grupo de gaitas.
A partir deste momento as distintas formacións saídas da Escola de Música van orientar toda a súa vida musical a fins solidarios, sobre todo a partir doutro exitoso concerto celebrado o día tres de xaneiro do 2015 no Salón de Actos do concello da vila, dentro dunha campaña solidaria de recollida de alimentos.
"Tralo éxito dese concerto, ábrese a gran oportunidade de conseguir algo máis que xuntar a varios rapaces, ensinarlles música e actuar diante da xente- di Roberto Castro - Xa non é só a música o que importa, agora imponse un fondo sentido solidario na formación. Para min o círculo péchase: aprendemos música, actuamos diante da xente e axudamos aos socialmente necesitados.
Prodúcese daquela un gran efecto chamada desde distintos puntos de Galicia, un intenso ciclo de concertos solidarios: a partir deste ano de 2015 calquera actividade de carácter humanitario pode contar coa Banda Folk. Só nos guía, á par do medre musical dos rapaces, o seu medre persoal, a súa formación como cidadáns responsables e solidarios. Os mesmos valores que van conformando tamén aos nenos do Grupo de gaitas, na medida en que en boa parte está formado por integrantes da Banda Folk.
Durante o ano 2017 continuarán os concertos por toda a nosa xeografía. Tamén se produce unha mellora constante do equipamento musical, chega unha nova amplificación, unha mesa dixital, equipos de luces e mesmo unha máquina de fume, uns recursos que van potenciar notablemente a calidade do son e a técnica instrumental dos rapaces" .
A estes concertos solidarios vaise sumar un novo desafío: o apoio a unha iniciativa que vai ilusionar a toda a redonda de Ribas de Sil, Quiroga e Courel. A posibilidade de conseguir para estes concellos a categoría de Xeoparque Mundial da Unesco, un obxectivo ao que a Banda Folk e o Grupo de Gaitas non se van manter alleos. Ben ao contrario, con este fin gravarán o seu terceiro disco, Courel Montains, acompañado dun videoclip rodado en distintos escenarios dos tres concellos. Un disco que axiña se vai converter na banda sonora do agardado Xeoparque.
A súa aparición supuxo para a formación e os seus integrantes un gran factor de autoestima e de responsabilidade no sentido de estar axudando a pór en valor o seu territorio. Un proxecto musical, o de Courel Mountains, que virá acompañado de tres Xeoconcertos, cunha asistencia entusiasta e entregada de asistentes, que se celebraron en cada unha das vilas implicadas.
Imos asistir agora a outro momento máxico desta andaina: vaise producir en xullo do ano 2018, no concerto celebrado no auditorio da praia fluvial de San Clodio, ateigado de publico, no que tocaron O Grupo de Gaitas e a Banda Folk de Ribas de Sil e os gaiteiros de O Recanto de Quiroga. Un concerto histórico ante os avaliadores da Unesco, no que se viviron momentos extraordinarios de emoción e de identificación das xentes do val co seu territorio e os seus músicos. Podemos dicir que desta vez si que nada puido impedir que se coroase con éxito a montaña, que Sísifo acadase o cume soñado. Con este entusiasmo, con esta confluencia de vontades, non foi difícil convencer aos observadores internacionais.
Os concertos continuaron, mais o mandato do mito é inexorable. Non se pode permanecer mirando para o sol por moito tempo. A maxia esváese das mans e hai que voltar a pór os pés na terra. Aquelo foi de novo un principio do fin. Os rapaces medran, dispérsanse... como pasara cos seus compañeiros da anterior xeración. E así remata esta segunda etapa despois dun derradeiro concerto o 12 de xuño de 2019.
Terceira xeración
Como na etapa anterior, os ciclos van rematando e cómpre recomezar, agora co hándicap engadido da epidemia vírica que paralizará toda actividade grupal. Porén, máis unha vez non fallará a vontade de acadar outra volta o cumio da montaña. De sempre San Clodio foi un lugar que non se rende doadamente, de xente resistente.
Así nolo explica o protagonista desta historia: "igual que acontecera co tránsito da primeira á segunda xeración, os novos meniños van aprendendo a tocar diversos instrumentos. O seu primeiro concerto prodúcese en Nadal, de novo un concerto solidario pola recollida de alimentos. Continúan as clases e pouco e pouco vaise conformando unha nova xeración. Moitos veces o ritmo da evolución da aprendizaxe na técnica e na interpretación dos rapaces depende do tempo que eu lles poida adicar, que non sempre é o desexado.
E cando se produce o final definitivo da Banda Folk no ano 2019, teño unha reunión cos pais dos nenos da terceira xeración coa intención de dedicarlles máis tempo. E comezan os ensaios nas fins de semana, con moito mais vagar para ir preparando novas cancións e mellorar a súa técnica instrumental.
O 6 de xaneiro do 2020 xa estamos en disposición de facer un concerto e, ao estarmos en Nadal, levamos a música á igrexa de San Clodio para tocar unhas panxoliñas. Os veciños quedan moi contentos e os pais e os nenos tamén moi motivados.
Retomamos os ensaios con moita ilusión mais a pandemia volve separarnos ao chegar marzo, ata outubro que podemos recuperar os ensaios. Con algunha que outra parada retomamos de novo o traballo e a día de hoxe xa temos un pequeno repertorio e estamos preparando o que será a primeira actuación desta nova xeración de xoves músicos. A ilusión mantéñoa como o primeiro día aínda que os anos van aí... enriba"
O remol de todos os lumes acendidos segue vivo e o soño dos nenos e do seu mestre permanece tamén vivo e esperanzado. O herdo musical de Ekos, Brigancia e da Escola de Música volta outravolta a xermolar. Ribas de Sil non sabe nin pode vivir sen ese río sonoro que sempre o acompañou. E aí segue a remar, infatigable, Roberto Castro, alma da histórica Banda de Música Folk e da renovada Banda de Gaitas.
Para el vai directa toda a nosa gratitude. Por tantos anos ao temón desa escola exemplar, dese conservatorio comunal que tanto dignifica á vila ribasilense: a súa Escola de música. Un espello no que mirarse, o seu mellor emblema. Un modelo de educación musical aberto e integrador, dunha enorme transcendencia cívica.
Comentarios