JOSÉ MONDELO: novelista de Peites

 


Ribas de Sil- Quiroga- Courel: espazo e patrimonio literarios 


Non vos riades que o conto é triste. [Castelao] 

X. Pérez Mondelo

José Mondelo é un novelista singular, un brillante cronista do noso tempo. No tocante á súa biografía pouco máis lle podemos engadir á breve referencia que aparece na lapela dalgún dos seus libros: "Naceu en Peites e vive por aí. Poderíase engadir algunha outra cousa sobre el, mais sería repetirse". 

Con todo, aberta esta pequena posibilidade de afondar na súa andaina vital, desvelaremos que sendo un cativo de tres anos a súa familia marchou para Barcelona e que desde aquela pasou en Peites todos os vraos até a adolescencia. Despois viría algunha semana de tanto en tanto... E aí se lle perde a pista até pasados ben anos. 

Para nós, até primeiros dos anos oitenta, un día que collemos do andel da biblioteca do centro no que impartiamos aulas un libro que nos chamou a atención, máis ca nada polo seu extenso título: "Un pequeno favor e outras historias de humor perverso"(1984). Eran os tempos no que o ensino da nosa lingua entraba no currículo escolar e tampouco había aínda unha literatura moi acaída para nenos e adolescentes, un maior abano de lecturas nos distintos xéneros, fóra dos grandes clásicos. E, nesas, comezamos a ler 'Un pequeno favor' e ficamos desconcertados. Era algo completamente sorprendente, fresco, irreverente, dun humorismo rebordante. Os relatos estaban ilustrados por Anxo Baranga e asinados por un enigmático J.A.M., sen máis datos. 

As mesmas siglas, J.A.M. (José Antonio Martínez), que pouco tempo despois vimos estampadas nun novo libro: "Martín Coutinho en busca do sol" (1984), editado e ilustrado, como o anterior, por Anxo Baranga. Neste caso trátase dunha novela de aventuras e aprendizaxe, da procura dun mesmo, do propio sol interior, nun tempo adolescente no que non é nada doado atoparse. 

Como curiosidade, conta o propio autor que "dous capítulos de 'Martín Coutinho en busca do sol' están escritos en Peites acompañado de moscas, mosquitos, falenas, vacalouras e demais seres que se suman alegres e voluntariamente á velada cando nas madrugadas do vrao a xanela está aberta e a luz acesa". 

Un lustro máis tarde aparece "O ollo pecho e outras historias desagradables" (1989) publicado asímesmo polo editor caldelao Olegario Sotelo Blanco, residente daquela en Barcelona, e ilustrado por A. Baranga. Un novo froito bibliográfico saído da sociedade destes tres galego-barceloneses emigrados: autor, ilustrador e editor. 

"O ollo pecho e outras historias desagradables" é un libro de relatos magnífico, lonxe do moralismo ao uso, no que desde un acedo humor negro vaise conformando unha ollada sombría e desesperanzada sobre a realidade cotiá e sobre a propia existencia. 

Haberá que agardar outros cinco anos máis que é cando José Mondelo, asinando definitivamente no futuro a súa obra baixo este seudónimo, publique o seu primeiro libro de relatos en castelán: "Hay que matar a los padres (una propuesta razonada)" (2004). Unha disección das relacións familiares e paterno- filiais arriscada polo que ten de posta en cuestión dunha moral establecida, de crítica á institución familiar desde uns suposto ideolóxicos non convencionais. Todo desde a óptica dun sarcasmo nada compracente. Cabo deste primeiro relato que lle dá título ao libro, aparecen outros dous: un segundo, 'Algunas sugerencias para revitalizar la fiesta de los toros', e un relato final, 'Autorretrato', na mellor tradición da picaresca e das novelas de aventuras polos mares do Sur (neste caso cuns peculiares piratas que o mesmo John Silver prefiriría evitar) igualmente mordaz e dun exquisito humorismo, nada habitual na narrativa española moderna. 

E outra volta habemos de agardar outros cinco anos até a aparición dunha nova obra en lingua galega: "O informe do empregado Mendes" (2009), desta vez ilustrada por Fernando Llorente. Un libro de relatos para rapaces onde o autor acentúa os seus rasgos de humor, tendente ao absurdo, mais tamén aberto ao xogo, á tenrura e ao fantástico, sen perder nunca o contacto coa realidade cotiá. Unha volta de torca ao mundo marabilloso e maniqueo que adoita asociarse cunha determinada concepción, enganosa e simplista, da literatura para as crianzas e a mocidade. 

Na obra de José Mondelo hai un intento incesante de subverter á orde narrativa, de cuestionar a xerarquización e os tópicos xenéricos e, no fondo, unha radical parodia da propia linguaxe, de rexeitamento de calquera solemnidade literaria. Neste sentido, vai ser agora a través dunha novela de carácter "erótico" onde toda a andamiaxe propia deste xénero salte polos aires. Tratase de "Ni junio en París" (2013), unha obra na que todos os ingredentes propios do 'estilo' do autor están potenciados, elevados á súa máxima expresividade e eficacia narrativas. En realidade, é unha novela crúa e antisentimental, sobre o amor e o sexo, sobre o significado real do erótico e o pornográfico e sobre as múltiples perversións, socialmente aceptadas e literariamente consabidas, que se producen no seu nome. Unha novela crítica e paródica, unha sorte de novo realismo (non sabemos se 'suxo' ou limpo, mais, dende logo, nada máxico... nin fantástico). Como toda a súa obra, unha novela difícil de etiquetar na que nada é o que en principio podía parecernos. 

Entrementres, José Mondelo segue ensaiando a súa faceta teatral (en realidade, xa presente desde 'Un pequeno favor', a súa obra inicial que, baixo o mesmo título, foi levada á escena barcelonesa cunha gran acollida por grupos como Terceiro Andar e Furafollas, agrupacións teatrais históricas, integradas no Centro Galego e formadas por actores e actrices galegos residentes na capital catalá), un aspecto esencial na súa biografía, como a súa querenza polo cinema, algo moi comprensible dada a súa mestría para a caracterización de personaxes e ambientes, e onde o humorismo é un claro sinal de distinción e identidade. Neste aspecto, destacaremos que o guión da curtametraxe "Sálvame!" (2007), interpretada e dirixida por Javier Veiga, é unha adaptación da súa obra de teatro "Comedia". 

Esa mirada diferente sobre a literatura, sobre a sintaxe narrativa, a propia realidade social e o pensamento correcto, vaise facer evidente na súa derradeira obra, neste caso encadrada no que se deu en chamar novela negra ou mesmo policíaca: "Soamente unha vez" (2021). Como ocorría coas súas anteriores novelas, agora será no xénero negro, dentro da corrente do chamado 'atlantic noir', do que foi un precursor, onde o autor vai cuestionar os seus convencionalismos narrativos. 

Ambientada ás beiras do Sil, o seu espazo narrativo ten como centro a cidade de Ponferrada e os seus arrabaldes, todo o seu microcosmos xurídico-policial e mediático, político e social. De entre ese formigueiro de personaxes varios, vai sobresaír a figura do inspector Paiana, un protagonista excepcional que acaparará toda a atención dos lectores. Un policia experimentado, descrido e lúcido, que vai ter que desvelar o asasinato dunha muller que aparecera soterrada detrás dun penedo de a carón do río. Un antiheroi lonxe dos estereotipos aos que estamos afeitos. Un sobrevivente e mesmo espectador resignado de todo unha enguedellada rede de intereses cos que ten que convivir, sempre inconforme mais recto e leal no seu proceder. Un profesional, canso e escéptico despois dunha longa carreira, mais honesto até a médula. 

Ao redor desta figura central móvense outros personaxes de diversa pelaxe e intencións, que fan desta novela unha gran obra, na que todos os rexistros que singularizan os traballos de José Mondelo están presentes, maiormente o seu humorismo acedo e o extraordinario dominio do diálogo como un eficacísimo mecanismo de progresión narrativa. Un mestre, neste aspecto: un recurso narrativo só ao alcance dun escritor auténtico. Unha voz distinta dentro do panorama da actual literatura galega. 

José Mondelo sempre se moveu nas marxes do sistema literario, alonxado das seus focos e as súas servidumes, mais valorado desde un principio por unha "inmensa minoría" de lectores coñecedores do seu talento. 

Alégranos compartir a súa veciñanza, sabermos do seu berce, en Peites, cabo do Sil, onde aínda se conserva a casa familiar. Agora, coa súa derradeira novela, recoñecido definitivamente por unha nova maioría de lectores galegos. 

Non deixedes de frecuentar a obra do novelista e autor teatral ribasilense. E de ollar a curtametraxe "Salvame!" que vén a continuación. Que vos preste! 


https://josemondelo-gal.blogspot.com/

Comentarios

Publicacións populares