CANDO CALAN AS FONTES


Os ollos fechados

Os nenos da cidade procuran cando soñan
o rostro das imaxes dormidas entre a pedra
mais é grande a tristeza
e múltiples as formas do desexo que invocan.
É por iso que choran cando calan as fontes
e deitan sobre elas outros corpos presenciais;
auga clara na hora da mañá descoberta,
tristeza entre a follaxe do seu turvo futuro.
Os nenos, na cidade, suspeitan da beleza
dun poente cincento no mar das carruaxes,
coñecen cando chegan os anxos da loucura:
é por eles que agardan. 
Os nenos, cando a tarde demora o seu final
escreben cousas tristes sobre as húmidas páxinas
e deixan tras de si unha ausencia de nubes
en que tamén eu soño: da luz para a palabra.


O corpo e as sombras
Eusebio Lorenzo

Fotografías de © Gordon Parks

Comentarios

Publicacións populares