MAPAS CELESTES

 

A estrela descoñecida

Eu vinte decote acobadada
naquela fenestra
tan a trasmán!
que penduraches dunha constelación

O horizonte arrincaba cada día
pra ti
a folla de almanaque dunha vela

Pero nunca se enmallou
na falsa rede dos mapas celestes
a tua loira virxinidade
Cómplice a noite
engaiolaba o sextante dos mariños
inxenuas perversións catalogadas

Viúva reiterada de tódolos vinte anos
que os mariñeiros repiten
cada volta que afogan
Endexamais souberon os cadavres sen rumbo
que ti os amortallabas co teu ollar

Emproáramos a media noite
A sotavento da nosa singradura
vai decote unha nube desarborada
Coa súa esponxa de sombra
borrou pra sempre o teu mudo perfil

A alba nova sorprendeume
cacheando entre os luceiros
unha despedida que se me perdeu.

De catro a catro
Manuel Antonio
Fotografías © freenexsk.liv


Comentarios

Publicacións populares