UXÍA E AINE

 

A praza da Quinta Póla 

A Uxía e a Aine no Día internacional do libro  Infantil e Xuvenil


Carmen Torres París

Uxía e Aine foron á inauguración da praza da V póla, como anunciaba o rótulo vermello claro gravado na parte superior da casa correspondente ao número 1 do grupo dos novos edificios construídos na vila, agora tapado por unha fermosa cortina de encaixe de Camariñas. O de nomear a praza como a da quinta póla fora unha esaxeración das autoridades do Concello; a praza estaba a cinco minutos da vila, á carreiriña dun can, vaia! Tratábase dun conxunto de casas acabadas de construír que, así e todo, respectaban a arquitectura tradicional do país, cos seus lousados de tella, as columnas redondas, as ventás brancas desde as que se vía o precioso cruceiro situado no centro da praciña, os soportais tan apetecidos nos días de chuvia e de sol, unha fermosa praza dunha vila mariñeira que se espreguizaba aquel solloso domingo de primavera co despunte das floriñas lilas, amarelas e brancas que parecían querer saír dos tarros de granito, a xogo co conxunto, da canteira veciña. Todos os nenos da vila foran correndo a primeira hora, ilusionadísimos, á inauguración, mais Uxía e Aine chegaran as primeiras para non perder puntada do acontecemento do día, que quedaría nos anais da vila para sempre.

Os adultos tamén ían entrando na praza entre animadas conversas, sorprendidos de ver alí case toda a rapazada toda da vila.

--Ola, Mariquiña, e xa almorzaches? preguntoulle preocupada dona Manola a unha nena de cinco anos.

--Ás seis e media, eu soíña.

--E onde van os teus pais?

Mariquiña sinalou para o cruceiro.

--Estan alí, cuns amigos, velos?

Os adultos non daban creto ao que vían os seus ollos e bisbaban nos grupos que se formaran, arredor do cruceiro, sobre o interese que espertara nos nenos a inauguración dunha praza, un acto que lles había resultar ben aburrido.

--Os nenos sonche así, poden madrugar os mundos, mais como o alcalde e os concelleiros non cheguen á súa hora marchan todos a fume de carozo, dígocho eu!

A comitiva atrasouse media hora pero a rapazada permanecía alí, paciente, sen moverse do sitio.

Á fin, as autoridades, vestidas de gala, fixeron acto de presenza.

O alcalde púxose nas puntas dos pés  --era un home pequeneiro--, para descorrer a cortina de encaixe de Camariñas; colleu un pouco de aire para iniciar o discurso, o que fixo que o caravel branco que tan ben lucía no peto do traxe se desprazase unha miga.

--Neste fermoso día de primavera --comezou o rexedor o discurso con voz afrautada, colocando ben o caravel no peto con disimulo--, benqueridos veciños e veciñas desta nobre, leal e humanitaria vila, queda inaugurada a praza da quinta...

---... póóóla, uhhhhh! --berrarou o grupo de nenos situado preto da comitiva, á vez, abrindo moito os ollos e facendo espaventos, simulando sorpresa perante a narración duns feitos desmedidos, para acabar todos tirados polo chan, esmendrellándose de risa.

O alcalde e os concelleiros secaban as bágoas co fino pano de renda. As follas caravel branco que tan ben lucía o rexedor no peto do traxe dos eventos primaverais quedaran estradas diante do número 1 da praza da V póla, que de alí en adiante pasou a ser coñecida no mundo enteiro como "Praza da carreiriña dun can".

Comentarios

Publicacións populares