BERNARDINO GRAÑA/1932-2025

 

Mariñeiros de Cangas

Polo escuro do mar que vos contruba
aínda hai peixes de luz nos seus abrigos,
mariñeiros de Cangas, meus amigos,
meus irmáns de salitre e sol e chuva.

Solte a ría un exército de naves,
mariñeiros de Cangas, traede as liñas,
que, anunciando o fumazo das sardiñas,
polos cons e cabezos cantan aves.

Polas ondas sen muros e sen diques,
polo lombo do Atlántico azulado
brinca e bufa o arroaz todo apurado
perseguindo os bonitos e os alcriques.

Máis alá de Sobrido ti me guíes,
mariñeiro de Cangas, ti me leves
para ver os escumallos e os percebes
e mirar dende a popa as Illas Cíes.

Máis alá do Cabalo e Cabo Home
da Negra e deses baixos de Biduído,
mariñeiro de Cangas, vas perdido
e o mar é un gran misterio que te come.

Como horribles fantasmas aparecen
dende o fondo, xurdindo, nos sorríos,
estrañas ardentías e navíos
e tristes afogados que amolecen.

Pero rompe, que podes, contra o medo,
dálle avante con forza, anque che doa,
contra noites e néboas pon a proa,
mariñeiro de Cangas, e ven cedo.

Ven loguiño a vender o peixe a Vigo
e trae unha canción do son dos mares
para beber e cantar xuntos nos bares,
mariñeiro de Cangas, meu amigo.


Profecía do mar
Bernardino Graña

Comentarios

Publicacións populares