MUSAS CANTADAS-CARMIÑA (CARMEN MARTÍN GAITE-CALILA)




Ver bailar Carmiña - Carmen Martín Gaite (1925-2000)

Carmen Martín Gaite. Fotografía: Biblioteca Digital de Castilla y León.

O cantautor berciano Amancio Prada (1949, Dehesas, León) lanzaba a comezos de 1976 o seu terceiro disco grande Caravel de Caraveles (Gong-Movieplay) que, como o seu título indicaba, volvía utilizar o galego no repertorio de 15 pezas, pois na súa primeira entrega discográfica de 1974 -gravada en Francia-  dedicou a cara A á adaptación de poemas de Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro e Darío Xohán Cabana, tres escritores de diferentes xeracións. A segunda, un ano despois, titulada Rosalía de Castro, insistía na querenza do cantante pola obra da poetisa do Rexurdimento galego.


Prada centrou a lista de 15 pezas do terceiro LP na canción popular de Galicia, e como se pode ver na parte traseira do cartafol de Caravel de Caraveles está recollida a dedicatoria: A Calila, apelativo sen ningunha relación co libro medieval baseado en relatos ficticios e apólogos de orixe hindú. Calila era a escritora e ensaísta Carmen Martín Gaite (1925, Salamanca-2000, Madrid), Carmiña para as persoas próximas, de quen se celebra este ano o centenario do seu nacemento.

Na casa de Prada en Segovia. Fotografía  de Pablo Sorozábal Serrano.

A orixe da amizade e a colaboración entre o cantante e a escritora queda suficientemente explicado por Amancio Prada na súa conta de Facebook. Baixo o título de Foto e canción con Calila, 17 de abril de 2023, di:

Carmen Martín Gaite foi unha persoa moi importante na miña vida. Explicareino nesta charla-coloquio na Casa de Cervantes. A foto fíxonola Pablo Sorozábal Serrano. Estamos na miña casa de Segovia, onde vivín cinco anos, desde 1975 ao 80. Un piso na rúa de Refitolería, xunto á catedral, con xanelas que daban ao val do Clamores, ao Pinarillo e a un horizonte afastado. Un lugar tranquilo e silencioso. A soidade sonora. Nesta época do ano, que por maio era por maio, oíanse cantar os rousinoles toda a noite. E á tardiña toleaban os birrios, rozando os xeranios e as reixas das xanelas. Calila viña con frecuencia a Segovia. En tren. Gustáballe moito a atmosfera de cela daquela casa. Cancións de amor e cela (1979). Dabamos paseos, contábame o que estaba a escribir e eu cantáballe novas cancións ou que estaban a nacer. Era unha interlocutora entusiasta e crítica ao mesmo tempo. No seu libro “Ocho siglos de poesía gallega” descubrín as Cantigas dos primeiros trobadores galaico-portugueses. Púxenlles música, ás veces na súa presenza, recollidas logo no álbum Lelia Doura.

Cando ía eu a Madrid adoitaba parar na súa casa da rúa Doctor Esquerdo. Tamén nos escribimos moitas cartas. Por que Calila? Porque era así como pronunciaba o seu nome a súa filla Marta cando empezou a falar. E así a chamabamos os amigos. Como nos coñecemos? Carmen foi un día para verme cantar no Pequeño Teatro da rúa Magallanes. Levouna o seu amigo galego Gustavo Fabra, crítico literario, para que coñecese a un mozo cantor que acaba de chegar de Paris e estaba a presentar naquel pequeno teatro o seu primeiro disco, Vida e Morte, acompañado por un violonchelista arxentino con apelido italiano: Eduardo Gattinoni. Tamén era por maio… Mayo de 1975. Despois do concerto pasaron a saudarme e…. Lembro aquela noite cantando cancións populares e coplas, moitas galegas, nun banco dos bulevares, ata as tantas. Esta muller, pensaba eu, ten unha memoria musical que é un tesouro. E é que a súa nai, Marieta, era galega, de Piñor, e naquel pobo preto de Ourense pasou os veráns da súa adolescencia. Alí aprendeu moitas cancións galegas e, como lle encantaba cantar, non as esqueceu nunca. O caso foi que, seis meses máis tarde, volviamos ao Pequeño Teatro con Caravel de Caraveles, esta vez  non só con Gattinoni, senón con Calila e Alejandro Masó, que tocaba a teorba, o cromorno e percusións varias. A Masó tamén o coñecín no Pequeño Teatro. El foi quen me ensinou a tocar a zanfoña. O disco que recolleu aquelas cancións levaba o mesmo título que o espectáculo e está dedicado A Calila, porque moitas daquelas coplas, como dixen, ensináramas ela; outras as lembraba da miña infancia e non poucas as aprendín de Teófilo Caamaño, un trotamundos que coñecín aos poucos días de chegar a Segovia, paseando pola Alameda do Eresma…  Pero esa é outra historia. A Caamaño dedicaríalle, anos despois, o disco Coplas De Mar e Terra (1999). 


Imos coa canción. A letra de Tres eran tres escribiuna Carmen Martín Gaite para que lle puxese música. Graveina por primeira vez no álbum De la mano del aire (1985). E volvina a cantar no disco Huellas de Salamanca (2005), que gravamos en directo no Teatro Liceo. Os versos que recita Juan Carlos Mestre son do poeta salmantino Juan Antonio González Iglesias.


Calila (Gaite) e Prada no Pequeño Teatro de Madrid. Foto: Biblioteca Digital de Castilla y León.




Ver bailar Carmiña (letra)

Ver bailar Carmiña,
Carmiña, Carmela,
con zapato branco,
con media de seda,
con media de seda
de seda calada,
ver bailar Carmiña,
miña namorada.

Os zapatos piden medias,
as medias piden zapatos,
as raparigas bonitas
piden rapaciños guapos.

Ver bailar Carmiña,
Carmiña, Carmela,
con zapato branco,
con media de seda,
con media de seda
de seda calada,
ver bailar Carmiña,
miña namorada.

Os zapatos piden medias,
as medias piden zapatos,
as raparigas bonitas
piden rapaciños guapos.

Ver bailar Carmiña,
Carmiña, Carmela,
con zapato branco,
con media de seda,
con media de seda
de seda calada,
ver bailar Carmiña,
miña namorada.

Comentarios

Publicacións populares