A ÚNICA PRAZA NA VILA

Lembranzas nun debuxo e nun verso

Debuxo da fonte da praza, feito a partir dunha fotografía publicada hai máis de 60 anos no xornal El Progreso, e compartida en Facebook pola veciña de Quiroga, Juana María Rodríguez. Ao tratarse dunha imaxe antiga e de prensa, a súa calidade era moi baixa. Intentei mellorala con diversas ferramentas de intelixencia artificial, pero o resultado non foi bo, así que decidín debuxala eu mesmo.

O poema que acompaña o debuxo é unha adaptación miña ao galego dun texto de Xoán Rolo, meu pai. Está dedicado á única praza que había na vila, noutro tempo chea de vida e hoxe solitaria e baleira, coma un eco mudo do pasado.

El recoñecía as súas limitacións como poeta, por iso asinaba como “poetastro”. Eu tampouco teño grandes dotes poéticas, mais sempre sentín unha forte conexión coa poesía, e disfruto lendo versos e poñéndolles música ás palabras.

Seguro que moitos e moitas a lembrades coma min: cos xogos de infancia, as conversas ao sol, as tardes longas de verán... Esta é a miña pequena homenaxe a aquel tempo e á xente que o fixo tan especial, a pesares das dificultades e carencias daquela época.


Praza Maior

És unha praza fermosa e acolledora,
cun casino, rexistro, reloxería,
tenda de roupa e xastrería,
no centro a fonte con farola.

Es fermosa sen ostentación,
tiñas botica, carnicería,
Ultramarinos,  ferretería,
todo cheo de vida e  ilusión.

Xa  perdiches o  esplendor
dun pasado ledo e glorioso;
o teu futuro ten que ser mellor.

Porque unha vila sen praza maior 
é coma unha porta sen chave,
coma unha estrela sen brillo e sen cor.


Texto e debuxo de Manuel R. Crespo

Comentarios

Publicacións populares