A SOLITARIA CASA DE NIÑO DE AGUIA ENRIBA DO SIL

 

O chalé do Salto de Sequeiros

Se miramos cara o alto, fronte ao monte dos Novais, albiscarase o vello Chalé do Salto, coñecido tamén como o Niño de Aguia, como a aldea de Ourense Niñodaguia que por orde ministerial nos anos 40 pasou a "El Niño de la Guía", recuperando o nome orixinal a partir da Lei de Normalización Lingüística de 1983. A deturpación do topónimo "Niñodaguia" mostra como a ditadura intentou desvincular a lingua do territorio, e como a democracia a recuperou.

Entre Os Novais e o chalé  serpea o río Sil, o meigo río dos ollos verdes e donairoso feitío, coma o definiu Guerra da Cal.

Construído para acoller as visitas dos enxeñeiros de Saltos del Sil, hoxe Iberdrola. Pouco uso lle deron e  actualmente permanece no máis absoluto abandono.

Lembro aquela ocasión en que unha rapaza trouxo ao seu mozo e a súa  familia madrileña, pai, nai e avoa, a pasar unhas vacacións no “seu chalé”,  ata que foron convidados a marchar, con gran desgusto e  vergoña por parte da familia do mozo. Sentín unha gran pena vendo a humillación da moza mentres o mozo,  comprensivo, a abrazaba cariñosamente. Unha mágoa que non o usasen máis tempo, ata hoxe ninguén máis lle deu uso.

Curiosamente, o nome Niño de Aguia tamén lle foi dado a un refuxio alpino utilizado polos mandos nazis durante a Segunda Guerra Mundial. Dous destinos ben distintos baixo un mesmo nome. 

Texto e debuxo de Manuel R. Crespo

Comentarios

Publicacións populares