HEMEROTECA/XORNAL DE LEMOS/ LETRAS GALEGAS EN RIBAS DE SIL
Presentación literaria e música para celebrar o ‘Día das Letras Galegas’ en Ribas de Sil
A escritora Pura Tejelo presentará a súa nova obra, "Vestidos de Organdí", que terá o acompañamento musical de Manuel R. Crespo
PUBLICADO O 13 maio de 2025 | POR XMF |
O Concello de Ribas de Sil celebra o Día das Letras Galegas, dedicadas este ano ás mulleres cantareiras e á poesía popular oral, o vindeiro sábado a partir das 19:00 h. no salón de actos da Casa do Concello en San Clodio, e a continuación polas rúas da vila.
No programa da xornada destaca a presentación literaria do poemario “Vestidos de organdí” (Editorial Belagua), da escritora quiroguesa Pura Tejelo, acto no que estará acompañada polo cantautor –tamén quirogués– Manuel R. Crespo. O encontro institucional e intelectual rematará coa interpretación do Himno Galego. A seguir, sobre as 20:00 h. haberá unha actuación musical polas rúas de San Clodio a cargo do grupo de música tradicional Érbedo, pertencente ás Xuventudes Musicais de Sober e que chega da man da Área de Cultura de Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A obra
Na procura de respostas sobre o ser, o tempo, a morte ou o significado da vida, “Vestidos de organdí” mestura referencias a diferentes culturas, mitoloxías e obras literarias con imaxes da nosa caneidade. Válese para iso dunha pluralidade de voces que enfrontan adversidades e cuestionan a natureza da vida, a finitude, a transitoriedade e a inevitábel transformación de todo o que nos rodea.
Pura Tejelo
Licenciada en Historia Moderna e Contemporánea pola USC, exerce como profesora de Lingua e Literatura no ensino medio, onde ten participado en diferentes proxectos de innovación educativa e integración con inmigrantes. Así mesmo, exerceu cargos de xerencia na asociación cultural O Facho da Coruña para a que coordina os certames de poesía e relato. Tamén cursou estudos de Debuxo e Deseño Publicitario na Escola Picasso da Coruña.
Publica na revista Dorna (1981), colaborando tamén nas revistas Festa da palabra silenciada, Clave Orión e Olga, revista poética galega en Madrid. Aparece citada na Antothology of Contemporany Galician Women Poets (1989) de Katheenn March.
No 2014 recibe un premio no Certame de Poesía Manuel María en Euskadi e no 2016 recibiu o premio Johan Carballeira de poesía por A elegancia do século (Xerais, 2017), reeditada no 2018. Na editorial Urutau publica As horas de Hanna (2019) e Novembro (2021). Este mesmo ano resulta elixida como representante do Día da Poesía polo Patronato da Cultura Galega de Montevideo.
Nestes anos recentes cómpre referenciar as súas colaboracións na Antoloxía Biosbarda para Parche (Ruín Alteredicións, 2022), e en Aquén do mar: Cantos de serea na luz da fin da Terra, de Alexandre Nerium (Chan da Pólvora, 2023).
Manuel R. Crespo
Manuel R. Crespo é fillo de Xoán Rolo, galeguista quirogués e correspondente de diferentes medios galegos, moi amigo de Uxío Novoneyra, Manuel María ou Manuel Mariño.
Residente en Vigo, foi mestre, pedagogo, e especialista en linguaxes musicais. Versionou temas de música tradicional, infantil… e de escritores actuais do Val de Quiroga como Pura Tejelo, Celia Núñez ou Vicente Reboleiro; pero tamén clásicos como Uxío Novoneyra ou Guerra da Cal, entre outros.
Comentarios