MÁXICOS VALES SOMBRÍOS
O Recordo
A Galicia
Como un nido de vichelocrego
Que arrandea entre follas e brisa,
Que arrandea entre follas e brisa,
Eu contemplo con maga sorrisa
O curruncho onde libre nacín.
Vin de Lisboa a encantada riveira,
As riquísimas veigas da Galia,
Os xardins da magnífica Italia...
Como o noso bo chan, nada vin.
Onde están as devesas frondosas
E floridos herbales amenos,
En que alegres rebuldan os nenos,
Ou quizáis namorado pastor?...
Onde os máxicos vales sombríos
Serpentados de frescos regueiros
Convidando a furtivos de amor?
En ningures atópase no mundo
Un anaco de terra máis lindo...
Soutos, prados e flores sorrindo
Nos rianchos mirándose están.
Pendurados nas árbores crecen
Doces froitos de rica fragancia,
e con asombrosa abundancia
Que os ramallos se pousan no chan.
A xovial foliada comeza
Dos feitizos de música e danza,
E entre amores, loucura e folganza
Coma un lóstrego a noite vaise.
Que risoña se ostenta a alborada
De Galicia no puro horizonte!
A laberca trinando no monte,
No pomar o feliz reiseñor.
Nas ladeiras remedan os ecos
O cantar de inocentes pastores...
Todo é encanto, suspiros, amores
Naquel himno dos campos ó sol.
Cantas veces das rústicas flores
Respirei os aromas suaves!....
Cantas veces nos bosques as aves
Me saudaron cantando tamén!
E de amores o peito encendido
Engolfado enn tamaña delicia...
Que recordo!... adorada Galicia!
Ay! ti foste meu céltico Edén.
Febreiro, 18 de 1857.
Francisco Añón Paz
Imaxes: casa natal do poeta e paisaxe de Outes
Comentarios