NATUREZA NO RECORDO
Antes das piscinas de cemento e das pizarras que o asfixiaron, o río Quiroga bulía de vida. Hoxe, só quedan lembranzas dos paxaros que o sobrevoaban (Lavandeira branca, o pardal, o paparrubio,...), das mulleres que ían lavar a roupa, das merendas sobre a herba, dos peixes que loitaban contra a corrente, dos pescadores e dos bañistas que disfrutaban da frescura das súas augas.
Xa non sei se aínda quedan sambesugas, esas pequenas cirurxiáns da natureza que nos chuchaban o sangue con delicadeza. Elas, tan esixentes, precisaban augas limpas, ricas en oxíxeno e sen a asfixia da terra arrastrada. Curiosamente, a ciencia redescubriu o que o río xa sabía: a súa saliva contén hirudina, un anticoagulante natural, e outros compostos que alivian a inflamación, melloran a circulación e até anestesian a dor. Un baño con sambesugas era, sen sabelo, unha terapia ancestral.
Eu volvería a mergullarme nel, deixaría que dúas ou tres destas pequenas terapeutas me volvesen a morder, como fixeron no pasado e ás que tanto temiamos... pero o río xa non as ten. Como tantas outras cousas, quedaron só no recordo.
Texto e debuxo de Manuel R. Crespo
Comentarios