ESTOURO NO VERÁN DE 1966
Club Pop. Interior. Noite.
O fotógrafo deambula entre a multitude, buscando á rapariga. Ninguén fai caso del. Todos escoitan a música inmóbiles, sen nin sequera seguir o seu ritmo con movementos de cabeza, das mans ou dos pés. Só unha parella apartada baila sen descompoñerse demasiado.
O fotógrafo busca por todas as partes: nin sombra da rapariga. Despois de dar a volta ao salón, volve pasar fronte aos intérpretes, que se axitan mantendo una certa compostura.
Pero hai algo nos altofalantes que non funciona. Un dos intérpretes ofrece mostras de nerviosismo. Deixa por un momento de tocar para tentar axustar, movendo unha púa, os altofalantes. Pero non o logra. Vén outro e ponse a manipular detrás dos altofalantes, sen resultados. O intérprete anterior está cada vez máis nervioso e comeza a dar golpes coa guitarra contra un altofalante. Cada vez máis forte.
Os espectadores parecen fascinados polo que está a suceder. Tamén o fotógrafo interrompeu a procura para mirar.
O intérprete golpea o mango da guitarra contra a caixa do altofalante con tanta forza, que o instrumento ráchase. Entón lánzao ao chan, sóbese encima e písao con rabiosa violencia. A guitarra está agora partida en dúas, unida só polas cordas. O intérprete descomponse tamén. Logo colle os restos da guitarra e lánzaos sobre o público.
Este xesto desencadea o fin do mundo. Todos queren o anaco de guitarra. Berran, empúxanse, algúns caen ao chan. É unha contenda furibunda, na que tamén se acha envolvido o fotógrafo, que é talvez o máis furibundo de todos. Ao final é xustamente el quen logra apoderarse do cacho de guitarra. Co pedazo do instrumento na man ábrese paso entre a multitude e acada correndo a saída.
Rúa de Londres. Exterior. Noite.
O fotógrafo sae correndo do club e detense, arfando, cara un escaparate. Ao baixar a mirada dáse conta de que aínda ten na man o anaco do instrumento e tírao. Logo afástase.
Do guión do filme Blow-Up (1966), de Michelangelo Antonioni
Imaxes: Fotogramas extraídos da citada película





Comentarios