RAMÓN VILA ANCA: A POÉTICA DA LUZ
Vilas literarias: Quiroga
Ramón Vila Anca: a poética da luz
X. Pérez Mondelo
Cómpre ser agradecidos. E non sempre somos quen de expresarlle gratitude a aqueles creadores que iluminaron e que seguen a iluminar coa súa palabra, as súas imaxes ou os seus sons as doces e esgrevias paisaxes de Quiroga e Caurel. Un territorio que é un continuum, tan indisolublemente unidos están na xeografía como no noso corazón... E no que cabe Ribas do Sil, na mesma medida que San Martiño. Todo o vasto horizonte que alcanza a ollada desde o Pía Paxaro ata a Moà. Unha xeografía diversa na que harmonicamente conviven os veciños dunha e doutra banda do Río Grande: a dos altos cumes, a das baixas serras e a do val. Un aberto espazo que cantaron poetas e narradores como Fole e Novoneyra, Eduardo Moreiras, Manuel María María e Guerra da Cal. Que retrataron outros creadores de artes diversas: o pintor Teixelo, os fotógrafos Pepito de San Pedro, o inolvidable Antonio Vidal ou Carlos Díaz Gallego. E que alegraron tantos ledos músicos de tempos idos: Felisa, a gaiteira de Bendilló , Os Celtas de Paradaseca, o Penelo ou a orquestra dos Padernes, de entre outros moitos músicos populares perdidos no tempo.
Mais agora quería falar dos creadores quirogueses de hoxe e, en concreto, dos teus traballos coa palabra e a imaxe. Da túa obra como fotógrafo e delicado narrador, ámbalas dúas derivadas en gran medida da túa paixón pola montaña, da túa vida de deportista nómada, á marxe do teu oficio de traballador da cultura. Unha vida dedicada ao esforzo e o pracer da "conquista" dos cumes máis atraentes do mundo, de explorador dos límites. Unhas viaxes pola nosa contorna íntima e polos países máis belos e arredados das que nos dás cumprida conta nesas fondas e sutís narracións que acompañan o teu camiñar. Ás veces apenas un simple pé de foto. Un tímido texto introdutorio que sempre nos sabe a pouco, que decote nos move á ensoñación. Quizais porque sabes que na literatura, na arte e mesmo na vida, "menos sempre é máis" ou porque saibas asemade que hai segredos onde non alcanzan as palabras, tan fondo é o seu misterio... Onde só o silencio é expresivo. Mais, gústannos esas breves anotacions a modo de apunte de diario. As palabras son os caxatos nos que sosternos para acadar os nosos cumes interiores, percorrer os íntimos ríos, iluminar as sombras, os seus cavorcos escuros e acadar a luz. A verdadeira viaxe, a do heroi que se vence a si propio e sae ao encontro dos outros. Pois sabe que ninguén debe andar só, desamparado.
Eso é todo. A nosa vila precisa mirarse en espellos como os teus, procurar outros horizontes. E ser agradecida. Para cando unha gran exposicion ou a edición dun libro que che faga honor?
As fotografías de © Ramón Vila Anca foron recollidas do seu blog: ramonvilaanca.blogspot.com.es
Comentarios
Creo que a clave de todo está na paixón coa que se fan as cousas; o resto é escoitar nalgúns casos e deixarse atrapar pola luz noutros (tamén é unha forma de escoitar). Os teus traballos sobre os músicos tamén reflexan e transmiten paixón...
Non coñecía o teu blog, un agradable descubrimento, desde logo. Ireino disfrutando con tempo e comparto, claro.
@s curios@s saben onde atopar as miñas cousas na rede, polo de agora é todo. Para outros proxectos hai que ter un tempo e unha vontade que de momento non teño; xa se verá no futuro.