RAMÓN VILA ANCA: A POÉTICA DA LUZ

Vilas literarias: Quiroga


Ramón Vila Anca: a poética da luz 

X. Pérez Mondelo 

Cómpre ser agradecidos. E non sempre somos quen de expresarlle gratitude a aqueles creadores que iluminaron e que seguen a iluminar coa súa palabra, as súas imaxes ou os seus sons as doces e esgrevias paisaxes de Quiroga e Caurel. Un territorio que é un continuum, tan indisolublemente unidos están na xeografía como no noso corazón...  E no que cabe Ribas do Sil, na mesma medida que San Martiño.  Todo o vasto horizonte que alcanza a ollada desde o Pía Paxaro ata a Moà.  Unha xeografía diversa na que harmonicamente conviven os veciños dunha e doutra banda do Río Grande: a  dos altos cumes, a das baixas serras e a do val. Un aberto espazo que cantaron poetas e narradores como Fole e Novoneyra, Eduardo Moreiras, Manuel María María e Guerra da Cal. Que retrataron outros creadores de artes diversas: o pintor Teixelo, os fotógrafos Pepito de San Pedro, o inolvidable  Antonio Vidal ou Carlos Díaz Gallego. E que alegraron tantos ledos músicos de tempos idos: Felisa,  a gaiteira de Bendilló , Os Celtas de Paradaseca, o Penelo ou a orquestra dos Padernes, de entre outros moitos músicos populares perdidos no tempo. 

Mais agora quería falar dos creadores quirogueses  de hoxe e, en concreto, dos teus traballos coa palabra e a imaxe. Da túa obra como fotógrafo e delicado narrador, ámbalas dúas derivadas en gran medida da túa paixón pola montaña, da túa vida de deportista nómada, á marxe do teu oficio de traballador da cultura. Unha vida dedicada ao esforzo e o pracer da "conquista" dos cumes máis atraentes do mundo, de explorador dos límites. Unhas viaxes pola nosa contorna íntima e polos países máis belos e arredados das que nos dás cumprida conta nesas fondas e sutís narracións que acompañan o teu camiñar. Ás veces apenas un simple pé de foto. Un tímido texto introdutorio que sempre nos sabe a pouco,  que decote nos move á ensoñación. Quizais porque sabes que na literatura, na arte e mesmo na vida, "menos sempre é máis" ou porque saibas asemade que hai segredos onde non alcanzan as palabras, tan fondo  é o seu misterio... Onde só o silencio é expresivo. Mais, gústannos esas breves anotacions a modo de apunte de diario. As palabras son os caxatos nos que sosternos para acadar os nosos cumes interiores, percorrer os íntimos ríos,  iluminar as sombras, os seus cavorcos escuros  e acadar a luz. A verdadeira viaxe, a do heroi que se vence a si propio e sae ao encontro dos outros. Pois sabe que ninguén debe andar só, desamparado. 


Noutra ocasión, a modo de comentario sobre unha entrada do teu blog,  téño expresado que "é admirable o teu anceio de ir máis alá da realidade sensible, aquela que se pode captar cos ollos,  para chegar á 'realidade esencial', aquela que só  se pode albiscar co corazón, como dicía o Principiño. Quizais só as palabras, a poesía e imaxes como as túas, poden acercarnos a ese horizonte que foxe cando pensabamos que o tiñamos ao alcance da man. A poesía é o noso último refuxio, esa cabana no camiño que nos permite abrigarnos do frío e acougar, e daquela desvelar o sentido do home chantado no tempo, á mercede da historia. De aí a necesidade de andarmos unha e outra vez os nosos nobres carreiros, as olvidadas rotas doutrora. Eses vieiros infindos do val e da serra, os mesmos polos que antes camiñaron Moreiras e Uxío ' subindo e baixando costas nun soño de idas e voltas'. E que tan sutilmente retratas". 


Tamén che dicía que non desistas, que non deixes  de ofrecernos as túas palabras núas, a túa ollada lúcida de camiñante e soñador. Son moi belas. Balsámicas para ti e para nós. A túa é a ollada mística que lle acae ao noso tempo. A mesma que procuran os siddharthas de hoxe e que procuraron desde sempre todos os que se adentraron nas sombras, na procura da iluminación. Cando ollamos unha fotografía túa ou lemos unha breve páxina, estamos tamén sentindo o teu latido, a túa respiración contida, ese instante no que semella que esteas a tocar o cume, ou cando menos, máis cerca que nunca de chegar ao centro do misterio. Ese anceio por fixar o instante, sempre fuxidío, por deter o tempo, incansable no seu devalar, impasible como unha deusa ausente... O devalar dos horas e dos días, dos menceres e as lúas. A vida en eterna metamorfose. Ese devalar que tanto conmovía e tan ben cantou don Ramón de Trasalba. 

Eso é todo. A nosa vila precisa mirarse en espellos como os teus, procurar outros horizontes. E ser agradecida. Para cando unha gran exposicion ou a edición dun libro que che faga honor? 


As fotografías de © Ramón Vila Anca foron recollidas do seu blog: ramonvilaanca.blogspot.com.es



Comentarios

RAMÓN dixo…
Moitísimas grazas polas túas palabras. Non sabía que as miñas imaxes e comentarios foran todo iso... de todas as formas como xa puxen en algún comentario paréceme unha síntese xenerosa, máis cando pos meu nome xunto co dos fotógrafos, músicos e escritores aos que sempre admirei. Recordo continuamente os teus artigos sobre os músicos da comarca e lle falo a xente das túas recensións sobre Felisa, os Celtas etc.
Creo que a clave de todo está na paixón coa que se fan as cousas; o resto é escoitar nalgúns casos e deixarse atrapar pola luz noutros (tamén é unha forma de escoitar). Os teus traballos sobre os músicos tamén reflexan e transmiten paixón...
Non coñecía o teu blog, un agradable descubrimento, desde logo. Ireino disfrutando con tempo e comparto, claro.
@s curios@s saben onde atopar as miñas cousas na rede, polo de agora é todo. Para outros proxectos hai que ter un tempo e unha vontade que de momento non teño; xa se verá no futuro.

Publicacións populares