Entroido peliqueiro

Entroido peliqueiro
que vas coa túa pelica
batica que batica,
zoupando no bulleiro.

Entroido, alegre lume
na coresma da vida,
que sánda-la ferida
e cúra-lo queixume.

Disfrázame de Entroido
as penas que hoxe sinto,
faime un home distinto
e dáme o teu descoido.

Orinol de chapeu,
pelica por sotaina,
así en ritual andaina
de furcia e gran baldreu.

Larpeiro e nugallán,
boneco de estropallo
tanguendo o teu chocallo
de leigo sacristán.

Borracho e esmorguista
cantando niste enterro
o teu valente berro
burlón e cupletista.

Dáme desa alegría
sequera unha migalla, 
con astro de borralla
píntame a cara fría.

Entroido, chuchumeco,
meu santo de feluxe,
leda cinsa en que foxe
meu perfil de careco.


Berros en voz baixa
Antón Tovar




Fotografía de Sam Rock

Comentarios

Publicacións populares