Letras Galegas 2014
Coma unha escada
Lémbrome ben do vento que cantara
no fío da túa morte, meu amigo,
dos doces días que arrastrou o vento,
da derradeira pomba da esperanza.
Sobor da escuma dos recordos fría
navega un nome cara a min, sen nada,
o eco dunhas zocas afogándose
no veludo sen fin da eternidade,
a sombra longa dunhas maus, xa cougas
na lus da tarde, feita monumento.
Tódalas cousas morren esta tarde
con longuísimas sombras, baixo a muda
roda sen dó. Pro ti, ¿pra que estás morto?
Antre a esfera onde estás e as miña sombra
unha oración que no esperabas tira
unha canle de lus coma unha escada.
Desfaise o tempo, faise a lus, e case,
case baixar te vexo pola escada
de lus pra acabar xuntos esta historia
que, por un erro, interrompeu a morte.
Xosé María Díaz Castro
Primavera en Montmartre, © Evgeny Lushpin
Comentarios