Camiño esquecido

Camiño esquecido que xa non va¡ a ningures. Un camiño calzado de pedra, inzado de silvas ensarilladas e de ortigas arnaes, que se perde na boca moura dunha congostra. 

Eu sempre perguntaba a miña avoa: 
¿Onde vai da-la “verea vella”? 
E miña avoa respondíame con certo mistéreo: 
“Non vai a ningures, meu meniño”. 

Aquela “verea vella” turraba por min e, cando me fixen home, arrisqueime a pasala. E máís alá da medoñenta congostra topeime cunha aldea sen xente.

 Casales de boa pedra, lagares que lembran fartura, trabes apodrecidas, moreas de tella; todo va¡ amortaxado con edras, silvas e loureiros, e por riba daquela vizosa vexetación, as follas amarelas e vermellas dunha viña sen froito.



Debaixo dunha nogueira seca senteime a debullar sentimentos que aínda hoxe están alí en espera…Cando volvín á casa escoitei de miña avoa a hestoria da aldea esquecida.

-Foi que os do lugar, armados ladróns, roubaron o mosteiro de Armenteira.

-Agardando o intre do reparto da riqueza, o capitán enterrouna en sitio segredo; mais ó seguinte día o capitán apareceu morto no seu leito e nunca máis se soupo do tesouro.

Dende aquela todas foron desgracias. Morrían as xugadas, merábanse os froitos, morrían entangarañados os rapaces, secábanse as fontes. Para escorrenta-lo mal fado ergueron cruceiros a eito.

De nada valeu nada. No remate sóupose todo e aínda hoxe o lugar está illado das xentes de ben.


Cousas, de A.R. Castelao


Fotografías de © Roque Soto

Comentarios

Publicacións populares