Vilas Literarias: Quiroga

ÁNXEL FOLE,  A VEIGUIÑA E  OS EIDOS DE NOVONEYRA

Cando o cronista vivía n’A Veiguiña, alá en terras quiroguesas, un xoven poeta fíxolle unha visita. Sería polos chuviosos días do verán do ano cincuenta e dous. / O cronista estaba escribindo nunha ampla galería que daba sobre un xardín.  Oíase o murmurio do Quiroga que corría baixo unha mesta ramaxe de amieiros e freixos… / Oímos uns pasos lentos e longos no corredor.  Entrou un mozo alto e delgado de bigote. Era Uxío Novoneyra,  xa coñecido por referencias amicais. E foi esta a primeira vez que o oímos recitar versos, poemas seus. Recitábaos con voz grave e ton confidencial. Como se estivese revelando un segredo. E estábao: o segredo da súa primeira poesía… / Non se parecían aos poemas de ninguén. Instámolo a que os reunise nun libro e os publicase. / Constituirían o núcleo do seu futuro e primeiro libro Os Eidos. /… Falaba con tino e pausadamente. Falaba con distancia. Suxerindo, revelando. Eu non estaba afeito a oír falar así… / Tan sosegadamente, con tanto fondo de silencio,  traendo cada palabra a outra como chamándoa. Traéndoa, atraéndoa./ Falamos do Caurel, por onde eu tiña andado varias veces. A súa charla daba a impresión xusta daquelas bravas e apartadas terras. A impresión da súa paisaxe e da súa soidade. / E cando marchou volveron resoar os seus pasos pausados e longos… / E dixen para min en galego caurelao: “Chegará á casa aló pola seriña baixa”. 


Ánxel Fole: “Caminos de Galicia”. ( El Progreso/ Santos 1962).


Fotografías: A Veiguiña, http://armandorequeixo.blogaliza.org/2015/05/09/casas-literarias-anxel-fole/  e serra, Roque Soto





Comentarios

Publicacións populares