DOUS BLOGUEIROS QUIROGUESES

 Vilas literarias: Quiroga 


Roque Soto e Ramón Vila: dous blogueiros quirogueses 

Xosé P. Mondelo

Dúas fiestras polas que Quiroga se abre ao mundo e polas que o mundo entra con todo o seu rebumbio e a súa beleza na nosa Casa do Val. Os blogs de Roque Soto e Ramón Vila Anca levan anos entretendo as nosas horas e colmándonos de coñecemento e lecer intelixente. 

Hai quen pensa que a literatura e as artes do futuro serán "virtuais" ou non serán. O certo é que poder disfrutar da lectura destes dous blogs nas nosas tabletas, no noso mobil ou no ordenador segue parecéndonos un milagre. E un pracer inmenso. O mesmo que nos pode causar a lectura dun libro impreso no silencio dunha biblioteca municipal, tralos vidros dun café invernal ou durante unha viaxe en tren, pasando a ollada distraída das páxinas do libro ás paisaxes que foxen, alimentando dobremente a nosa ensoñación. 



É a mesma a emoción que nos produce ver despregarse na pantalla as imaxes, os sons e os textos destes blogs: "En busca da cagalla do lagarto" de Roque Soto e o de " Ramón Vila Anca". Entrar no blog de Roque é facelo nun espazo máxico, cargado de música e poesía. Sempre sorprendente: unha mestura de librería de vello, cos libros máis esquecidos e valiosos, e de moderna biblioteca coas últimas novidades da cultura galega e universal. De libros, de cadros e de cancións, pois nesta sorte de bazar, podemos atopar e disfrutar dunha colección única de discos. E cando dicimos única estamos a dicir verdade, pois en ningures atoparemos outra igual. Nin no propio bazar de Amazon. E se hai algo que tamén define este blog, e que o emparenta co de Ramón Vila, é o seu amor pola fotografía, á parte da súa querenza pola nosa xente e as súas paisaxes, pola súa historia. Neste senso, para os quirogueses curiosos estes blogs deben ser dous espazos de referencia que visitar.

A ter moi presentes nas súas horas de estudo e nos seus momentos de vagar. No tocante á fotografía, na que podemos descubrir os mellores traballos dos fotógrafos universais, destacamos as imaxes do propio Roque Soto e as de outro gran fotógrafo do val: Emilio Blanco, Milucho de San Clodio, xunto con  Ramón Vila, un dos grandes retratistas da nosa contorna. Ambos os  dous magníficos especialistas en fotografía da natureza. 


O que fai tamén singular e moi persoal o outro blog, o de Ramón Vila Anca, é precisamente a súa condición de autor, de "diario visual", de testemuño da súa paixón de montañeiro e profundo coñecedor de tódolos carreiros, daqueles espazos só ao alcance das néboas e das aguías. Dos máis ocultos recantos da nosa serra e dos máis altos e desexados cumes da Terra, dos que Ramón nos vai dando conta en forma de fermosísimas fotografías acompañadas de breves narracións, a modo de diario, como pegadas dos seus pasos,  nas que nos vai deixando anacos da súa alma de siddhartha polos camiños do mundo. Un fermoso libro de viaxes o seu blog, delicadamente escrito e iluminado. 

Un pracer poder compartir os traballos e os días de Roque e Ramón. A súa sensibilidade e o seu amor ao val. Estes seus blogs tan nosos e tamén universais. Pois a cultura é como as nubes que sobrevoan as fronteiras, concibida para unir os homes e os pobos. 

Comentarios

Publicacións populares