Capas
Happy trails (Capitol). Quicksilver Messenger Service edita en 1969 o seu segundo disco de longa duración co título Happy trails, unha mostra do que se denomina rock ácido practicado por moitos grupos da área de San Francisco na segunda metade da década dos sesenta. Liderado polo excelente guitarrista John Cipollina, o cuarteto ofrece unha longa reinterpretación de “Who do you love”, de Bo Diddley, extraída dunha actuación en directo no Fillmore. O disco complétase con outras pezas, nunha delas volve aparecer a marca de Bo Diddley (Ellis McDaniels), en concreto “Mona”, onde os duelos de guitarras entre Cipollina e Duncan son a nota destacada, como pasa con outras composicións, “Maiden cancer moon” e “Happy trails”, nas que tamén ten un especial protagonismo A sección de ritmo composta por David Freiberg (máis adiante membro de Jefferson Airplane) e Greg Elmore. O disco constitúe, sen dúbida, un dos máis valorados dentro do ámbito do rock pola crítica e o público. En canto á portada de George Hunter e o colectivo Globe Propaganda, capta unha imaxe que parece a típica postal costumista relacionada coa épica do Oeste americano. Quicksilver seguiría unha desigual carreira discográfica e incluso en 1975 houbo unha reunión dos membros fundadores do grupo que gravaron o LP titulado Solid silver. Este non tivo moita aceptación por parte do público, agás para os seguidores da banda californiana, polo que os integrantes de Quicksilver decidiron disgregarse.
Cancións: “Who do you love. Part 1”, “When you love”, “Where you love”, “How you love”, “Which do you love”, “Who do you love. Part 2”, “Mona”, “Maiden of the cancer moon”, “Calvary” e “Happy trails”.
Músicos: John Cipollina (guitarra e voces), Greg Elmore (batería, percusión e voces), David Freiberg (baixo) e Gary Duncan (guitarra e voces).
Outras portadas: Shady Grove (1969), What About one (1970), Quicksilver (1971) y Peace by piece (1986).
Comentarios