Nai

Eu non choro por ti, pois sei que mouras
xunto á fonte do tempo, alá no fondo
de tódolos camiños das estrelas.





Choro por min, cun pranto inconsolábel,
que me quedéi sin ti, meu limpo espello,
coma un arbre na noite, sio e núo,
fendido polo cerne, coas raíces
sin os doces segredos das violedas.



Choro por min, por estas maus de cinza
que outrora foron pombas,
cando o meu corazón era un paxaro
e ti pasabas sempre atafegada
nun rumor de formiga labourando.




Tecían as albercas seus abrentes
i eu era un vagalume, unha estreliña
ateigada de luz polas vereas.
Dios estaba con nós.






Agora estóu soliño,
orfo de beixos tépedos sin mácula.
Choro por min que xa non teño colo
para pousarme nil coma nun niño,
miña nai imposíbel, viva e morta
no cristal dos meus ollos.



Poema de Celso Emilio Ferreiro

Obras de Ana Legido, Arturo Souto, Francisco Asorey, Arturo Baltar, Cándido Fernández Mazas, Carmen Legísima, Castelao, Colmeiro, Elsa Pérez Vicente, Faílde, Fernando Quesada, Isaac Díaz Pardo, José Corral Díaz, Laxeiro, María Antonia Dans, Manuel Prego de Oliver e Jorge Castillo.




Comentarios

Publicacións populares