Soñeiro


Camiña ausente e de vagar. Nalgures

párase a mirar o ar, como buscando

algo que non atopa, coma cando

de ningures se vai cara ningures.


A fronte ardida: cinsa de borrea.

Os ollos ¿de soñar?- enlameirados,

feridos de tristura, ensimesmados,

como cismando sempre nunha idea.


Camiña así, á toa, pola vida,

ausente e lento, sempre na precura

dunha alborada, dunha luz perdida.


Non sabe onde perdeu e, matinando,

pensa que a atopará na arboradura

dun barco de papel que fixo, cando…


Víctor Campo Pereira

Fotografías de ® Antoine d’ Agata


Comentarios

Publicacións populares