QUE SOÑAN DESLOUVADOS

Emigrantes nuna data calquera

De alá saímos os senlleiros, os inadatados,
os condanados inxustamente, os que procuran o pan,
os xogadores, os perseguidos, os arrichados,
tamén o xusto, o argalleiro, o luxurioso, o san,
e as ponlas frorescentes dos linaxes abafados.

O vento empurrou as barcas dos emigrantes na mar
cara estas grises lonxanas cibdades de engano
feitas de presa, de aceiro, de cemento, sen ar,
por almas lixadas de númaros, de ouro estrano,
enxoitas polo despoxo i o constante trafegar.

Ergueitas pra vender e mercar por neicios homes adoecidos
de operacións aritméticas, de crecidos tantos por centos,
que viven e gouzan esquecidos dos escoloridos
irmáns sen éisito nen fortuna. Dos agoirentos
que soñan deslouvados, isolados polas rúas, amorridos,


vivendo antre tendas, máquinas, tráfego, descorados,
húmidos de suor, envoltos polo fume do carbón
das fábricas ergueitas polos homes de empresa, cugulados
de mercadorías, que ergueron a estatua ao patrón
no centro mesmo da cibdade pra exemplo de ousados.

Apiñoados polas rúas, nos suterráneos, da cor
lourida dos ósos, amarelo máis ben das caaveiras,
axúntanse uns cos outros, empezándose, por mor
da puntualidade no emprego. Sempre ás carreiras
nestas cibdades comerciaes, patrias da cubiza, sen amor.

Eiquí viñemos todos ó acaso, vivendo esgazados
das costumes coñecidas, do acento común, da canción
labrada polos avoengos i o tempo. Vivendo mudados
nunha xeografía difrente, polos negocios, a corrución,
que da terra de orixen farannos cicais pra sempre desleigados.

Fardel de eisilado 
Luís Seoane

 Obra gráfica de Luís Seoane

Comentarios

Publicacións populares