BRÉTEMA

Inverno

Están os campos nevados,
a xente xunto as lareiras,
os gandos encortellados
e os capós nas capoeiras.

As bandadas de aves frías
a berrar polos nabales.
Son moi pequenos os días
e grandes os temporales!

A brétema

De San Martiño a Febreiro
son días de neboeiro.

Non hai brétema como esta:
é fría como a xeada.
Brétema pingona e mesta
como a noite de pechada.

Néboas que non se dan ido
mentres dura o Inverno.
Semellan fume saído
das entrañas do inferno!

De San Martiño a Febreiro
son días de neboeiro.

Orballo

Serán bágoas da noite
cando tivo que morrer
as pingotas do orballo
tremelucindo ó mencer?

Ou son bágoas de ledicia,
as primeiras da mañán,
estas pingas de rosada
que sobre as cousas están?
 
Manuel María
Fotografías de © Emilio Blanco Milucho

Comentarios

Publicacións populares