Beira fluvial

As beiras lenturentas de silveiras e fentos
acompañan aos ríos de camiño das illas.
Amieiros que lamben teus cabelos sortella
descenden cara a auga con melura.
O vieiro fluvial das avelaneiras novas
aproxíamnos ás xuncas que preludian a sombra
e animan a ribeira. Ti vas da miña man
agarimosa e apenas pisas leve saltasebes
e reparas de esguello nos salgueiros.
A túa mirada pérdese miúda entre arenarias
porque te sintes envolta como o lúpulo en acios.
En van os sabugueiros da ribeira arbustiva
ofrecénse bieitos ao xogo branco e mol:
ti non atendes máis que ao teu vieiro
preñado de estralotes e violetas. Que importa
que atrás quede a carga que non colle
na tú alma de uva ou de botón de ouro.
O teu cabelo crecho relouca libre ao vento
como unha volvoreta entre as seixebras
e ti sínteste núa fluvialmente mariña
herba salgueira que te arrimas mimosa
que apretas aloumiños e pos verbas docísimas
no teu rostro pletórico de estrelas.




A boca violeta
Claudio Rodríguez Fer (Lugo, 1956)


Ao Este do Courel 1987, fotografía de autor descoñecido

Comentarios

Publicacións populares