O O recuncho de Antonio Vidall

Velahí ven, velahí ven avantando
comaros e corgas, e vales, e cerros.
¡Vinde vela, mociños e mozas!
¡Saludaina, rapaces e vellos!

Por onde ela pasa
fecunda os terreos,
espértanse os homes,
frolecen os eidos.

Velahí ven, velahí ven tan houpada,
tan milagrosiña, con paso tan meigo,
que parece unha Nosa Señora,
unha Nosa Señora de ferro.

Tras dela non veñen
abades nin cregos;
mais vén a fartura
¡i a luz i o progreso!

Catedral, demagogo de pedra,
dun pobo fanático erguida no medio,
repinica esas chocas campanas
en sinal de alegría e contento.

Asocia esas voces
ó són dos pandeiros,
¡ás santas surrisas
de terras e ceos!

E ti, río dos grandes destinos,
que os himnos ensaias dos trunfos ibéricos,
requeimáda-las fauces de sede
ven o monstro a beber no teu seo.

Bon samaritano,
dálle auga ó sedento;
que a máquena é o Cristo
dos tempos modernos.

A chegada a Ourense da primeira locomotora
Manuel Curros Enríquez
(1851-1908)


Comentarios

Publicacións populares