Verao


Un páxaro amaraleo desprende o voo redondo do sol e unha asa madura trai o fogo ruivo do vento ao corazón dos frutos.

Nas praias nasce a alvura dun esco transmigrado desde o espello cor da mar intensa que arde velozmente no ventre azul da água.

Cómo ordenan as horas as láminas espesas da luz na altura límpida da mañá.

Un alento incesante abrasa o pensamento das cousas, un po de bronze fino queima nos poros das palavras.

No centro da saúde do tempo, unha sequía imóvel. Unha cunca de cinza leva ao ar unha sílaba desolada de fume.

Respiran as abóbadas acesas da soedade todo o murmúrio crepitante dos seres.

Reina un fulgor sedento de ebrediade celeste que desmaia música de chamas e camiños.

As tardes son un sopro de brasa que detén a distáncia no interior do horizonte.


Entre água e fogo (Cantos da terra posuída)
M.A. Fernán-Vello

Imaxes de Sam Rock.


Comentarios

Publicacións populares