Recalada

Atoparemos no peirán
as follas evadidas
do almanaque dos nosos soños

As novas ruas de sempre
eishibirán o escaparate
das mesmas noivas inéditas

Fumaremos nas pipas despeitivas
todalas transeuntes
hostilidades mudas

O vaso desbicado noutro porto
remataremolo eiquí no mesmo bar
cabo do mariñeiro desconecido
que nos repite a mesma
ubicua sorrisa loira

Nos burdeles xa saben
que a nosa moeda
ten o anverso de ouro
e o reverso sentimental

Os ecos imprevistos
do noso cantar sonámbulo
apagarán os focos da madrugada

Mañán despertaremos
na ausenza desta xornada
Esquivouse unha folla
do diario efusivo

Eramelos espeutadores
na prestidixitación
dunha hora artificial.



De catro a catro
Manoel Antonio


Fotografía de © Roque Soto


Comentarios

Publicacións populares