Verdor 1

Esta de primavera verde choiva,
formosa e aceda como un froito verde,
como unha nena de catorce anos,
cai sobre as cabeleiras, sobre os fros
das herbas novas, das rapaces verdes,
e entre as suas coxas, entre os seus cobardes
peitos, esbara en regatos gozosos.
Na árbore verde canta o verderol,
e o ceu é verde alén do ar non maduro.
Verdes os vellos son cabo das mozas,
que pechan baixo o beijo os verdes ollos
e se arreiguizan baixo as verdes faldras.
Verde limón, verde herba, verde rio,
verde mar, verde amor, verde esperanza.
Baixo a choiva, como unha bailarina
de verde seda, pel de uva, a esmeralda
da terra, húmida, brilla verdemente.


Pretérito Imperfecto
Ricardo Carvalho Calero


Fotografía de Sam Rock

Comentarios

Publicacións populares