Para Blanca
Algo queda nos beizos
Nun espazo triste e vivo sempre
(ámbar coral e azougue do teu corpo)
Hai recordos de ti que sempre es
en retratos do vento que non colgo
e cancións antigas perdidas
por cotrosas esquinas de ata logo
Unha rúa perdida (quedouse
pegada nos cristais do café)
traga electricidade con beizos afiados
Exercicios de amor na tarde tan morna
que non quere rematar sen verte nun intre
destinguida de sol por esta beirarrúa
tan íntima e sonora que rómpese
a pasos de pantasmas de cabalos.
Pendurado pola rúa Lope de Vega. Fotografía de © Sam Rock.
Comentarios