Calendario

Para os nosos pasos había un pasado; está morto
Dende hai centos de anos.
Os anos borraron o seu recordo
E colocárono entre os mortos.

Durante moito tempo buscamos
Os seus astros desaparecidos,
Recorremos ao imposible
Para devolverlle a vida.

Intentamos, traspasando os séculos,
Facelo volver aos seus comezos,
Esperando recobrar os nosos sentimentos,
E regresamos coas mans baleiras.

Atravesamos as tebras,
Franqueado o impasible, inmóbil,
Escavando os ósos amontoados,
E non encontramos o extraviado.

Vimos, alí, frontes
Que non vían porque estaban cegas,
Ollos ensimesmados na vida
Silenciosa, porque estaban mudos.

Vimos restos de corazóns
Embalsamados co recordo.
En van intentaran encontrar
O sentido... eran restos.

Vimos labios baleiros
Que non emitían queixas nin sentían fame
E mans murchas, pregadas,
Cuxa desgracia non provocaba bágoas.

Preguntámonos polo noso pasado
E tropezamos cun ataúde.
Alí, sobre a tumba, xacía o tempo descolorido.

Regresamos ao calendario:
Pódese enganar aos días?
E oímos berrar aos restos
Tras o sarcasmo das cifras.

Vimos o mañá esperado
Arrastrando a súa metade paralizada,
Arrastrando a súa metade desprezada,
A súa metade conxelada, inerte.

Alí, un libro pechábase
E finalizaba o antigo canto.
Mañá, a vida xerminará
Sobre as feridas do doloroso tempo.

A voz do onte perderase
No turbillón profundo do tempo
E sentiremos nas nosas copas
A palpitación do sono que se esperta.



Faíscas e cinzas (1949)
Nazil Al Malaika



Fotografía de Roque Soto





Comentarios

Publicacións populares