Os bosques

Fun aos bosques porque quería vivir deliberadamente, enfrontar só os feitos esenciais da vida, e ver se podía aprender o que ela tiña que ensinar, non sexa que cando estivese por morrer descubrise que non vivira. Non quería vivir o que non fora a vida; é tan fermoso vivir!; tampouco quixen practicar a resignación, a non ser que fose absolutamente necesaria. Quixen vivir profundamente e extraer toda a medula da vida, vivir en forma tan dura e espartana como para derrotar todo o que non fora vida, cortar unha ampla ringleira ao rentes do chan, levar a vida a un canto e reducila aos seus menores elementos, e se fose mesquiña, obter toda a súa xenuína mesquindade e dar a coñecer a súa mesquindade ao mundo, ou se fose sublime, sabelo por propia experiencia e poder dar un verdadeiro resumo diso na miña próxima saída. Porque me parece que a maioría dos homes se achan nunha estraña incerteza acerca de se a vida é do demo ou de Deus, e deduciron apresuradamente que a principal finalidade do home aquí é "glorificar a Deus" e gozar del na eternidade.

Non obstante, vivimos mesquiñamente, como as formigas, aínda que a fábula nos conta que hai moito fomos transformados en homes; loitamos con grúas como os pigmeos; é un erro sobre outro erro, remendo sobre remendo, e a nosa mellor virtude ten, para esta ocasión, unha miseria superflua e evitable. A nosa vida está esmiuzada polos detalles. Un home honrado poucas veces necesita contar máis que os seus dez dedos, ou, en casos extremos, pode engadir os outros dez dos pés e comprar a vulto o resto. Sinxeleza, sinxeleza, sinxeleza! Que os teus asuntos sexan dous ou tres e non cen ou mil; en lugar dun millón, conta media ducia e leva as súas contas sobre a uña do teu polgar. No medio deste mar picado da vida civilizada, son tales as nubes e tormentas e areas movedizas e mil outras cousas ás que hai que atender, que un home ten que vivir facendo cálculos se non quere naufragar e ir ao fondo e non chegar a porto ningún, e sen dúbida ha de ser un gran calculador o que triunfe.

Walden. A vida nos bosques
Henry David Thoreau


Fotografías de Emilio Blanco


Banda sonora:


Gli Scoiattoli nel Bosco - Chiara Ragnini

Comentarios

Publicacións populares