Un día
Un día hemos ser meniños
nun país bárbaro de montes
e xesteiras inmensas, amarelas,
e prados sempre verdes, e bois píos,
e infinitos regatos, patuxando
pra os muíños de mao.
Os galos de cen aldeas
traguerán do país dos mouros
carros de sol, que as loias ao mencer,
irán esparfexendo sobre os picos
e as rozas do centeo.
Nas veigas de Moimenta os poltros novos
correrán antre a herba e o restroballo
das froles, que lles chegan ao fuciño.
Por todas as veredas
haberá unha rolada de rapaces
argallando nos cómaros ao sol.
E no medio dos trigos
han de nacer brazadas de cantares
pra encher de alegría
as cambeleiras orfas desta hora.
Cómaros verdes
Aquilino Iglesia Alvariño
Fotografías de Roque Soto
Banda sonora:
Girl With No Eyes - It's A Beautiful Day
Comentarios