Letras Galegas 2012



A praia ferida

Aló de fóra... as illas ciciantes,
almeas estantías no limiar,
entre azues bocainas remoentes.
Na mao de dentro de tí,
deitado sono dos anxos das areas
cuncha en orella de longal haliotis,
labrada co cinzel da ola constante
no devalar dos séculos de sílica.

Tua primeira vida no relembro...
calada vida intánxil de Samil.
Tempos despois virían,
mexidos por cobizas amarelas,
nos que virar a praia viraría
peito de mar magoado pol-o arrizo
de ventureiros hominales vultos
con teodolite a mao e gravatiña.

Lucirás en pechada soedade,
cal tesouro de fadas malgardado,
cando fixen meu niño en tua ponla.
Eras da Natureza
o preludio de Quinta Sinfonía,
clave de ceu e mar en ré maior,
pentagrama dos ventos que desfollan
as pétalas da escuma.

Malia as maos que estragaron
o galbo pristinado da tua comba,
cuia liña axustaran na alborada
os compasos de Deus!
As maos de dedos tropegos que o arte
do divino modelo desfixeron,
e no fanal da Ría,
os horizontes líquidos tupiron
con gaiolados blocos de cimento
que esnaquizan espellos na paisaxe.

Aí, Illa de Toralla!... desillada
por rabo longo de concreto en ponte,
Até a perder terías
no pulo da mimética arroutada
a túa inxele maxestá de illa,
con sua imaxe ceibe de nacencia,
pra ser agora dun arrañaceos
palmatoria de terra.

Navegada por quillas e por liras,
bahía sn bahianos amadores
do herdo recibido.
Bahía dos cantadores treizoados,
Martín Codax, Meendinho, Joan de Cangas...
ondas do mar de Vigo,
ondas que grandes son para o tamaño
dos que leer deberían,
no alfabeto da bris e das marés
versícuos da cósmica elexía



Cen chaves de sombra
Valentín Paz-Andrade


Fotografías de Roque Soto





Comentarios

Publicacións populares