Orixe da saudade
Nacencia da tristura nos camiños
do sangue novo na sombriza canle.
Mencer das alboradas primeirizas,
do primeirizo froito, na remota
adicación de Adán no Paraíso...
Alí naceu o home, pola gracia
dunha aza de soberbia e rebledía,
entre anxos de flamíxeras espadas
e anatemas de Deus, súpetamente.
A vida foi, fecunda e forte,
arreitándose humana nos recantos
da virxe terra non asoballada.
Ó pé dunha mazaira, fondamente
cobizada na ardenza do desexo,
que foi amor nas doces criaturas...
¡Descuranza de Deus! Crevouse o sino
da humanidade, alén, destraizándose
nun debalo de noite polo mundo...
¡E alí naceu a vaga da saudade!
Maturidade
Pura Vázquez
Fotografía de Roque Soto
Banda sonora
Comentarios