INCERTAS LATITUDES
Utmost isle
Non te pintou Abril
Nin a paixón escura dos poentes;
A mirada alongada ás perspectivas
De naves con perdido corazón,
Tampouco puido, ó cabo, posuír eses símbolos tépedos.
Non estabas no esteiro, lonxe, lonxe
Naquel vello relato dos naufraxios máis puros,
Nin no mencer confuso de tanta primavera
Co coitelo e a rosa;
Ausente coma a ausencia dun rostro que nos vence,
Coma unha praia soa á que fomos chorar e non dicimos
Cando. Con ninguén feneciches mentres Morte baixaba
Coma setembro ó mar desde os balcóns
E as búxolas calaban a dirección da Thule inacadable.
Por vós deixaron mirto,
Nome, periplo e canto outros que dormen
Nese leito de sal dos almirantes
E coa coita do mar feita vento sen rumbo.
Foi un vogar solemne ou un louco periplo,
Incertas latitudes dos anceios,
Metáforas dos corpos das mulleres de nunca,
Santuario de quillas que arelamos cos ollos,
Segredo navío
Feliz e solitario coma verso que amamos,
Quedanza inútil, illa
Cativa dunha man terrible.
Ramiro Fonte
Pensar en tempestade
Fotografía de Roque Soto
Comentarios