Busquei a praia máis fera,

fera como o meu afán;
cerrei os ollos á terra
e, adeus, tireime no mar.
Quixen o mar, e unha onda
tiroume no penascal.
Quixen terra, e outra onda
ó mar voltoume a guindar.
Mar adentro, mar afora,
sempre antre a terra i o mar.
Berro polos mariñeiros,
pero ningún me oirá.
Velaí vai a triste historia
do meu vivir, velaí vai:
doroso movimento
que dura unha eternidá
antre as esperanzas de hoxe
i as doores de mañá.
Sempre antre a vida i a morte
a loitar, sempre a loitar.
Di, vida, ¿cándo empezas a dar vida?
Di, morte, ¿cándo acabas de matar?



Busquei a praia
Xosé María Díaz Castro (1914-1990), a quen se lle dedican as Letras Galegas de 2014



Fotografía de Emilio Blanco





Comentarios

Publicacións populares